día do libro infantil e xuvenil 2011

Dende 1965 vense conmemorando cada día 2 de Abril o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coincidindo coa data de nacemento de Hans Christian Andersen, autor dos contos do Parruliño feo, A Sereíña, ou O soldadiño de chumbo entre outras moitísimas historias.

Na biblioteca conmemorarase esa data o venres 1 a partir das 5. Despois da lectura da mensaxe de Aino Pervik, que baixo o lema O LIBRO LEMBRA se escolleu este ano para festexar esta data, terá lugar unha sesión de contacontos na que se presentarán algúns dos relatos máis coñecidos de Hans Christian Andersen.

[Se queres saber que obras súas hai na biblioteca, pulsa no seu nome]

Mensaxe e Cartel do Día do Libro Infantil e Xuvenil do ano 2011:

O cartel é obra de: Jüri Mildeberg e Jüri J. Dubov


O libro lembra

“Cando Arno chegou á escola co seu pai, as clases xa comezaran.”

No meu país, Estonia, case todo o mundo coñece esta frase de memoria. Así comeza un libro. O título do libro é “Primavera”, que se publicou en 1912 e foi escrito polo escritor estoniano Oskar Luts (1887 – 1953).

“Primavera’ narra a vida dos nenos dunha escola rural dun pobo de finais do século XIX en Estonia. Oskar Luts escribiu dos seus anos escolares. Arno é en realidade o mesmo Oskar Luts na súa infancia.

Os investigadores estudan documentos antigos e escriben libros de historia segundo estes. Os libros de historia falan de sucesos que tiveron lugar algunha vez. Nos libros de historia un non entende ben como era a vida da xente corrente daquela época.

Non obstante, os libros históricos costumistas lembran feitos que non atopamos nos documentos históricos, como por exemplo o que pensaba un rapaz como Arno cando hai cen anos ía á escola. O libro lembra os soños dos nenos, as súas dúbidas, os seus gustos e as súas afeccións. Tamén lembra aos pais dos nenos, como lles gustaría ter sido a eles e o que desexaban para o futuro dos seus fillos.

Por suposto que hoxe en día tamén se poden escribir libros de tempos pasados e estes son adoito apaixonantes. Pero en realidade, un autor de agora non sente os olores, os sabores, os temores e os gustos dos tempos remotos. El xa sabe o que aconteceu, o que o porvir lle tiña velado á xente daquel tempo.Os libros lembran a época na que foron escritos.

Coas novelas de Charles Dickens sabemos que lle parecía a un neno a veda nas rúas de Londres a mediados do século XIX, cando Oliver Twist paseaba por elas. A través dos ollos de David Copperfield -que eran os mesmos ollos de Dickens- tamén nós vemos toda clase de tipos que vivían na Inglaterra de mediados do século XIX, cales eran as relacións entre eles e cales eran as ideas e emocións nas que se fundamentaban. Como David Copperfield é en gran medida Charles Dickens, este non tivo que inventar nada; el simplemente sabía.

Os libros dannos a coñecer o que realmente sentían Tom Sawyer, Huckleberry Finn e o seu amigo Jim ao navegar polo Mississippi a finais do século XIX, no momento no que Mark Twain narraba as súas aventuras: el coñecía profundamente o que a xente da súa época pensaba dos demais, porque el mesmo vivía entre eles. El era un deles.

As obras literarias que foron escritas na súa mesma época, cando a xente daquel tempo aínda vivía, son as que falan de xeito máis auténtico da xente do pasado.

O libro lembra.

Aino Pervik

Tradución ó galego de Francisco Castro


[consultar tríptico do Día do Libro Infantil e Xuvenil]

Advertisements

2 thoughts on “día do libro infantil e xuvenil 2011

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s