día do libro infantil

Desde 1965 conmemórase cada día 2 de Abril o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coincidindo coa data de nacemento de Hans Christian Andersen, autor entre outras moitas obras, dos coñecidísimos contos do Parruliño feo, A Sereíña, ou O soldadiño de chumbo.

Xa vos convidamos a participar no

o concurso “Andersen hoxe

e que non esquezades entregar os vosos debuxos na biblioteca ata o día 30 deste mes. Podedes descargar as Bases do concurso “Andersen hoxe” (e imprimir a última páxina) pulsando no texto anterior en negra.

Celebraremos esa data tamén o luns 3 coa lectura da mensaxe deste ano, escrita por Sergey Makhotin e traducida por Sabela González Panizo. O cartaz deste ano foi deseñado por Mikhail Fedorov.

dili_gl

Medremos co libro!

Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase.

De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo axudaba a conseguilo.

Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación.

Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de imprenta, cola… Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a lelo.

Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o personaxe favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño.

Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer.

E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís!

CARTEL_biblioteca_SAVIÑAO_abril2_pq.jpg

Ademais o venres 7 a partir das 5 cun obradoiro de viñetas e humor gráfico a cargo de Xosé Manuel de Hermanager Producións.

A actividade englóbase dentro do programa de animación á lectura “Ler conta moito”da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co Concello do Saviñao.

[Se queres saber que obras de  Hans Christian Andersen hai na biblioteca, pulsa no seu nome.]

Podes consultar todas as actividades que se organizan por esta data neste enlace da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) http://www.oepli.org/pag/dia_inter/dia_llista.php

One thought on “día do libro infantil

  1. Pingback: Abril 2017, mes do libro « BAMAD GALICIA

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s