día do libro infantil 2018

Un ano máis, xa están listos os preparativos para a celebración do Día Internacional do Libro Infantil, a xornada que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen o día 2 de abril.

A OEPLI Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil, GÁLIX e as súas outras seccións, traballan xa na celebración deste día animando a participar a centros escolares, bibliotecas e librarías na difusión da mensaxe da escritora Inese Zadere e o cartaz do ilustrador Reinis Peterson que este ano preparou a sección IBBY Letonia, traducido ao galego por Ana Luna e Antía Marante.

Cartel DILI_2018_gl_pq

Entre as actividades coas que se celebra este día, animámosvos a participar no concurso que convocou a OEPLI Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil, e as súas diferentes seccións, entre as que se atopa Galix Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte:

o concurso “Un conto de H. C. Andersen en cómic

Este concurso vai dirixido a lectores e lectoras de primaria e primeiro ciclo de secundaria, que deberán escoller un dos contos do autor dinamarqués Hans Christian Andersen para debuxalo en forma de cómic.

A participación no concurso organizarase a través dos centros docentes e bibliotecas que farán unha selección previa de tres traballos por categoría e entregalos antes do día 23 de abril. Por eso vos convidamos a que pasedes pola biblioteca recoller o modelo de participación no concurso e o entreguedes ata o día 20 de abril na biblioteca, de xeito que poidamos facer a selección para enviar á organización. Podedes descargar as Bases do concurso “Un conto de H. C. Andersen en cómic (e imprimir a última páxina) e tamén consultar o díptico pulsando no texto subliñado.

[Se queres saber que obras de  Hans Christian Andersen hai na biblioteca, pulsa no seu nome.]

Os libros fan grande o máis pequeno

OS LIBROS FAN GRANDE O MÁIS PEQUENO
As persoas tenden ao ritmo e á regularidade, do mesmo xeito que a enerxía magnética organiza as lascas de metal nun experimento de física, do mesmo xeito que unha folerpa crea cristais a partir de auga. Xa sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. O mundo adquire unha orde preciosa. Aínda me lembro cando de nena loitaba comigo mesma por defender a xustiza e a simetría, a igualdade de dereitos para a esquerda e a dereita: se tamborilaba cos dedos unha melodía sobre a mesa, contaba cantas veces debía golpear con cada dedo para que os demais non se sentisen ofendidos. Adoitaba aplaudir dando unha palmada coa man dereita sobre a esquerda, pero pensei que iso non era xusto e aprendín a facelo ao contrario, coa esquerda sobre a dereita. Por suposto, este afán instintivo de equilibrio resulta gracioso, pero o que mostra é a necesidade de evitar que o mundo chegase a ser asimétrico. Tiña a sensación de ser a única responsable de todo o seu equilibrio.
A inclinación das nenas e os nenos cara aos poemas e ás historias xorde, do mesmo modo, da súa necesidade de levar regularidade ao caos do mundo. Dende a indeterminación todo tende cara a unha orde. As cancións infantís, as cancións populares, os xogos, os contos de fadas, a poesía… son formas de existencia ritmicamente organizadas que axudan aos máis pequenos a estruturar a súa presenza no gran caos. Crean a conciencia instintiva de que a orde no mundo é posible e que todas as persoas teñen un sitio único nel. Todo flúe cara a este obxectivo: a organización rítmica do texto, as series de letras e o deseño da páxina, a impresión do libro como un todo ben estruturado. A grandeza revélase no máis pequeno e dámoslle forma nos libros infantís incluso cando non estamos pensando en Deus ou nos fractais. Un libro infantil é unha forza milagrosa que promove o enorme desexo dos pequenos e a súa capacidade de ser. Promove a súa coraxe para vivir.
Nun libro, os pequenos sempre son grandes, de forma instantánea, e non só cando chegan a adultos. Un libro é un misterio no que se encontra algo que non se buscaba ou que non estaba ao alcance de ninguén. O que non poden comprender as lectoras e os lectores dunha certa idade permanece na súa conciencia como unha pegada e continúa actuando aínda cando non o entendan completamente. Un libro ilustrado pode funcionar como un cofre do tesouro de sabedoría e cultura incluso para os adultos, do mesmo xeito que as nenas e os nenos poden ler un libro destinado a adultos e atopar a súa propia historia, un indicio sobre as súas vidas incipientes. O contexto cultural modela as persoas, establecendo as bases para as impresións que chegarán no futuro, así como para as experiencias máis difíciles ás que terán que sobrevivir sen perder a súa integridade.
Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro.

INESE ZANDERE

Podes consultar todas as actividades que se organizan por esta data neste enlace da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) http://www.oepli.org/pag/dia_inter/dia_llista.php

One thought on “día do libro infantil 2018

  1. Pingback: actividades polo día do libro infantil | Biblioteca Pública Municipal do Saviñao

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s