actividades polo día do libro infantil 2019

Un ano máis, xa están listos os preparativos para a celebración do Día Internacional do Libro Infantil, a xornada que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen o día 2 de abril.

A OEPLI Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil, GÁLIX e as súas outras seccións, traballan xa na celebración deste día animando a participar a centros escolares, bibliotecas e librarías na difusión da mensaxe do escritor e ilustrador Kęstutis Kasparavičius

CARTEL_DILI_gl_pq-corrixido

Para celebrar o Día do Libro Infantil, preparamos estas actividades para esta semana:

  • Difusión da mensaxe do escritor e ilustrador Kęstutis Kasparavičius co reparto de 100 dípticos, que tamén podedes ler aquí ó final.
  • Mostra Bibliográfica “Hans Christian Andersen” desde o 22 de marzo na sala infantil
  • Promoción do concurso “Selfie LIX Día Internacional” (consulta as Bases na páxina da OEPLI)
  • Visita-contacontos coa Escola Infantil Municipal o venres 5 de abril ás 11:00 h.

OS LIBROS FANNOS ACOUGAR

Vou con présa!, Non teño tempo ningún!, Aburiño!… Expresións coma estas poden escoitarse quizais acotío, non só en Lituania -no centro mesmo de Europa-, senón en moitas partes do mundo. E a miúdo escóitase dicir tamén que vivimos na idade da abundancia da información, da présa e da precipitación.

Non obstante, colles un libro entre as mans e, inmediatamente sentes que algo muda. Parece que os libros teñen unha cualidade marabillosa: axúdannos a acougar. Tan pronto como abres un libro, mergúllaste nas súas tranquilas profundidades e sabes que nel as cousas non pasarán a tanta velocidade que non che permita apreciar nada. Comezas a entender que non paga a pena lanzarse a facer tarefas de dubidosa urxencia. Nun libro todo acontece paseniñamente, en orde e segundo unha secuencia. Quizais porque as súas páxinas están numeradas, quizais porque as súas follas roxen amodo a medida que as vas pasando. Nos libros, os acontecementos do pasado atópanse cos que aínda están por chegar.

O universo dos libros é moi extenso; e nel poden mesturarse a realidade coa imaxinación e a fantasía. Ás veces non sabes moi ben onde -se nun libro ou na vida- percibiches de que xeito tan fermoso caen as pingas do tellado nevado cando se derreten, ou de que forma tan bonita cobre a carriza o valado da veciña. Foi nun libro ou na realidade onde comprobaches que as amoras non só son bonitas senón tamén amargas? Aconteceu nun libro ou na realidade cando estabas estomballada sobre a herba seca no verán, e despois sentada coas pernas cruzadas, vendo como as nubes avanzan polo ceo adiante?

Os libros axúdannos a vivir amodo, apréndennos a observar e convídannos a buscar acomodo e sentar durante un longo anaco. A miúdo lemos sentadas, co libro sobre a mesa ou entre as mans, non si?

E non comprobastes o milagre de que cando estás a ler un libro, o libro tamén te le? Si, si, os libros tamén saben ler. Lenvos a fronte, as cellas, as comisuras da boca que soben e baixan, pero primeiro e por riba de todo, os libros len os ollos. E mirándote aos ollos, eles ven… vaites, xa sabedes o que ven!

Estou seguro de que os libros nunca están aburridos se están entre as túas mans. Unha persoa que goce lendo -sexa pequena ou adulta- é moito máis interesante que unha persoa á que non lle preocupen os libros, que sempre estea bulindo a contrarreloxo, que non teña tempo para sentar, que non teña tempo para fixarse en nada do seu arredor.

No Día Internacional do Libro Infantil, este é o meu desexo para todas nós:

Que non falten libros interesantes para o lectorado e lectorado interesante para os libros!

Kęstutis Kasparavičius
Tradución: Antía Marante Arias (GÁLIX)

Podes consultar todas as actividades que se organizan por esta data neste enlace da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) http://www.oepli.org/pag/dia_inter/dia_llista.php

One thought on “actividades polo día do libro infantil 2019

  1. Pingback: día do libro infantil | Biblioteca Pública Municipal do Saviñao

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s