feliz día das bibliotecas

O agasallo de hoxe é un destes preciosos marcapáxinas que editamos desde o Colectivo Lemos Le:

marca_2019.jpg

E aquí tedes o Pregón 2019 do Día das Bibliotecas:

A SEN CONTO

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.

E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.

Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

Gemma Pasqual

Tradución, Héctor Cajaraville

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s