entrega de premios nadal 2017

O vindeiro mércores día 7 de febreiro ás 5 da tarde, faremos entrega dos premios do Certame de Poesía Infantil Nadal 2017 na Sala infantil:Sala Infantil

Inmediatamente despois, na Aula, comezaremos co Obradoiro de Comadres para elaborar as comadres que sairán á rúa o xoves 8.

Lembrade traer roupa para poder vestilos. Podedes tamén traer paus para reforzar a súa estrutura.

Edición:

Os gañadores da fase provincial pubícanse neste enlace.

 

Advertisements

Fallo do Certame Infantil de Poesía de Nadal 2017

Xa está exposta na biblioteca a lista de premiados no Certame de Poesía Infantil Nadal 2017

Categoría A: ata 8 anos

  • Oscar C. (8 anos)

Categoría B: de 9 a 11 anos

  • Hugo C. (10 anos)

Categoría C: de 12 a 16 anos

  • Aldara D. (12 anos)
  • Alba D. (14 anos)

Poderanse ver, expostas na Biblioteca, copias dos traballos premiados. Os traballos que non resultaron galardoados, poderanse recoller na mesma Biblioteca o día da entrega dos premios.

A entrega de premios anunciarase na biblioteca en vindeiros días.

Noraboa ós galardoados!

premio literario – nortear

Convidámosvos a dar renda solta á vosa imaxinación e talento, e participarna IV edición do Premio Literario – Nortear para novos/as escritores e escritoras de Galicia e do Norte de Portugal, organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e xunto coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia- Norte de Portugal, no marco do Programa Europeo POCTEP.

nortear

Información sobre o premio:

Obxectivos:
a) Promover a aparición de novos escritores;
b) Incentivar a produción de obras inéditas no ámbito da ficción;
c) Incentivar a creatividade literaria entre os novos escritores residentes na eurorrexión Galicia – Norte de Portugal;
d) Destacar, anualmente, obras literarias orixinais;
e) Promover a circulación e distribución de obras literarias mais aló das fronteiras

Participantes
Poden participar as persoas nacidos e/ou empadroados na Rexión Norte de Portugal ou en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos.

Obra:
O premio literario versará sobre o xénero de relato curto.
Aceptaranse obras orixinais e inéditas, escritas en lingua portuguesa, segundo o novo acordo ortográfico, e en lingua galega, segundo a normativa ortográfica vixente publicada pola Real Academia Galega.

Premio:
O premio terá unha dotación económica de 2.000€ (1.000€ por parte da Secretaría Xeral de Cultura e 1000€ por parte da Direção Regional de Cultura do Norte)
As entidades promotoras comprométense ademais a asumir o custo da publicación dun mínimo de 500 exemplares da obra premiada, en edición bilingüe, portugués e galego, con editoras no Norte de Portugal e/ou de Galicia.
Os promotores ademais realizarán accións de divulgación das obras premiadas, mediante actuacións de lanzamento programadas en equipamentos culturais de Galicia e do Norte de Portugal.

Lugar e prazo de entrega
As obras participantes deben ser enviadas, por correo postal, a:
Agrupación Europea de cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal
Edificio CETMAR,
Rúa Eduardo Cabello, s/n
36208 BOUZAS – VIGO
arodrigues@gnpaect.eu

Serán admitidas a concurso todas as obras presentadas ata o 30 de abril de 2018 (inclusive)

No sobre farán constar:
Premio Literario – Nortear
Novos Escritores
Norte de Portugal – Galicia

Consulta as bases completas neste enlace.

Certame de Poesía Infantil “Nadal 2017”

Xa chegaron as bases deste ano do certame de Nadal:

Certame de Poesía Infantil “Nadal 2017”

– Convocatoria Local –

A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DO SAVIÑAO convoca o CERTAME DE POESÍA INFANTIL “NADAL 2017” (Fase local), de acordo coas seguintes

BASES:

1.- Poden participar tódolos nenos e nenas, con poemas sobre o tema xenérico de “O NADAL”.
2.- Establécense tres categorías:

  • A, ata 8 anos,
  • B, de 9 a 11 anos,
  • C, de 12 a 16 anos.

3.- Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe. Os poemas estarán escritos en galego e a súa extensión será como máximo dun folio por unha soa cara. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor (sobre todo o número de teléfono de contacto). [pulsar para descargar o modelo]
4.- O prazo de presentación dos poemas rematará o 22 de decembro de 2017, debendo ser entregados polos seus autores na BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL (ver nota 2).
5.- Un xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os autores seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros.
6.- Os traballos premiados nesta fase local, participarán na fase provincial do Certame, convocada pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura Educación e Ordenación Unicersitaria da Xunta de Galicia.
7.- O fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro do 2017.
8.- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.
9.- Todas as incidencias non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado.
10.- A presentación das obras a este certame supón a aceptación das presentes bases.

NOTAS:

  1. Podes imprimir o formulario para participar e cubrilo sen pasar pola biblioteca pulsando aquí. É moi importante que figuren completos todos os datos de contacto.
  2. Os traballos poderán entregarse en horario de mañá no concello se a biblioteca estivera pechada.
  3. A data de entrega de premios e diplomas para os traballos gañadores darase a coñecer na biblioteca.
  4. Calquera outra dúbida, podes consultala na biblioteca.
  5. Cos traballos seleccionados na fase provincial, a Biblioteca Nodal de Lugo adoita editar unha publicación, da que fai chegar varios exemplares tanto ás bibliotecas participantes coma a quen presentara un traballo gañador. Na biblioteca dispoñemos de exemplares destas publicacións das distintas edicións tanto para empréstito como para consulta na sala. As portadas pódense ver na wiki da biblioteca.

nenos e o nadal
Estes son os traballos publicados cos poemas gañadores da fase provincial nos certames anteriores e que se poden atopar na biblioteca.

fotos dos contacontos

Subimos algunha foto das últimas sesións de contacontos do programa Ler conta moito que tiveron lugar na biblioteca:

Palabras confeitadas

contacontos para bebés

da man de Sherezade Bardají

o 2 de xuño, ás 17:00 na sala infantil

Comezamos apagando as luces e quedando en penumbra, sentados no chan, cos papis ó lado ou en cadeiras ó redor da sala, tan expectantes coma nós.

Desde logo, estivemos moi atentos á historia desa nena que coñecía e xogaba con personaxes tan extraordinarias coma estas

This slideshow requires JavaScript.

Algunha desas personaxes era tan mimosa que quería darnos bicos, ou que llos deramos nós. E outra fíxonos cóxegas!

Foi moi divertido. Sobre todo coas pompas de xabrón: menudo descubrimento! Foi fantástico correr tras delas para pillalas e que desapareceran!

premios

Rematamos coa entrega de premios e unha gran ovación ós galardoados!

Un outro mundo por descubrir

Irene en Oriente Próximo

da man de Solidariedeade Internacional de Galicia

o 5 de maio, ás 17:00 na sala infantil

Para celebrar o Día das Letras Galegas (17 de maio) e en vista dos certames de debuxo e narración que tiñamos convocados, atopamos algunhas ideas sobre o mundo que queremos:

Empezamos buscando no globo terráqueo onde estamos nós e a onde se foi Irene nas súas múltiples viaxes. E detivémonos na parte máis oriental do mar Mediterráneo.

This slideshow requires JavaScript.

Vimos numerosas fotos das paisaxes, as xentes e a cultura nesa parte do mundo. Tamén escoitamos a súa música, interpretamos algún dos seus bailes tradicionais e ulimos as súas especias (algunhas non nos gustaron nada seguramente porque non estamos acostumados). Buscamos nun atlas onde está o Mar Morto e descobrimos por que se chama así e por que, se nadas nel, non afundes. Disque ata podes ler un libro se te tumbas na auga porque flotas!

Esas caixiñas que se ven no chan ocultaban parte do misterio que resolvemos ó coñecer a historia do Corvo Branco, que devolveu as estrelas, o sol e a lúa ó ceo que vemos todos os días. Tamén sabemos por que agora os corvos xa non son brancos…

Despedímonos facendo debuxando un mundo mellorado.

ampliado o prazo para o certame mulleres de lemos

AVISO

O prazo de entrega de traballos para o IV Certame de Divulgación Mulleres de Lemos amplíase ata o 15 de setembro.

Os traballos serán presentados en calquera biblioteca municipal ou escolar dos centros educativos da comarca de Lemos integrados no colectivo Lemos Le.

Lebramos os seguintes puntos das bases:

Establécense 2 modalidades:
– a.
Banda deseñada para participantes de 12 a 18 anos, e
– b.
Traballo de divulgación en calquera xénero literario para participantes a partir de 18 anos.

Os traballos presentados deberán aterse á extensión mínima e máxima de:
a. 2 a 4 páxinas para Banda deseñada
b. 10 a 25 páxinas para Traballo de divulgación, en tamaño de folio DIN A4 mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12.

balbina_cartel_pqPodedes consultar as bases completas da convocatoria clicando na imaxe.

Ampliación e actualizacións da información relacionada co certame no blog LemosLe.

contacontos de maio

contacontos maio un outro mundo.png

Un outro mundo por descubrir é o título da sesión de contacontos co que Solidariedade Internacional de Galicia nos invita a acompañar a Irene a Oriente Próximo o vindeiro venres 5 de maio ás 5 da tarde.

Serviranos tamén para inspirarnos para o Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas 2017 sobre o tema O mundo que queremos.

Solidariedade Internacional de Galicia tráenos esta segunda actividade do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración do Concello do Saviñao.

Recomendamos a inscrición previa dos participantes de 3 a 5 anos para poder adaptar mellor a actividade.

roteiro balbina lópez

balbina 1940.png

Esta semana na Biblioteca Municipal do Saviñao pechamos as actividades do mes da muller cun roteiro polos lugares da vida da farmacéutica Balbina López Somoza na vila de Escairón.

No roteiro participarán os alumnos de 1º da ESO do CPI Dr. López Suárez e terá lugar mañá mércores 5 de abril ó redor das 12:45 saíndo da biblioteca municipal e pasando pola actual residencia e as dúas farmacias da vila, rematando no cemiterio municipal.

Ó longo do precorrido coñeceremos diferentes detalles da súa vida e intentaremos animar ós asistentes a participar no IV Certame Mulleres de Lemos modalidade Banda Deseñada para estudantes de Secundaria e Bacharelato.

Actualización:

O roteiro realizouno o alumnado de 1º ESO do CPI Dr. López Suárez.
Entre os sitios visitados están as dúas farmacias locais, as rúas nas que viviu a farmacéutica e o cemiterio municipal onde repousan os seus restos. Ademais puideron coñecer lugares importantes e datos demográficos, sociais, económicos e politícos da época.

certame de divulgación mulleres de lemos

O Colectivo Lemos Le, formado polas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra do Brollón, Bóveda, O Saviñao e Sober e as bibliotecas escolares e Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística do CEIP A Gándara, CEIP A Pobra do Brollón, CEIP Colexio Novo, CEIP Monte Baliño, CEIP Virxe do Carme, EEI Infanta Elena e IES Daviña Rey, para conmemorar o Día da Muller que se celebra o 8 de marzo, organiza por cuarto ano o Certame Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.
Cada ano escóllese a figura dunha muller que fora relevante na historia das Terras de Lemos, que nacera, vivira ou morrera na comarca, ou cuxa vida estivera moi relacionada con ela. O Certame deste ano estará dedicado a Balbina López Somoza unha farmacéutica do Saviñao do século XX. Propónse a esta muller como unha pioneira da ciencia na nosa comarca.
As actividades que se desenvolverán son:
  • Obradoiro “Balbina López Somoza. Unha muller para o 8 de marzo” nos centros educativos públicos e concertados da nosa comarca. Esta actividade desenvolverase en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e constará por unha banda, nun traballo de reflexión sobre a vida dunha precursora científica no século XX e, por outra banda, na elaboración dun libro que plasme en imaxes esta reflexión a través da súa vida.
  • IV Certame Mulleres de Lemos modalidade Banda Deseñada. Para Secundaria e Bacharelato (de 12 a 18 anos).
  • IV Certame Mulleres de Lemos modalidade Divulgación. Para maiores de 18 anos.
As bases do IV Certame de Divulgación Mulleres de Lemos atoparédelas a continuación. No blog do Colectivo Lemos Le, que se pódese ampliar a información.
balbina_cartel_pq
 
IV Certame de Divulgación Mulleres de Lemos
Este certame rexerase polas seguintes
BASES:
Primeira.- O certame deste ano versará sobre a figura de Balbina López Somoza.

Segunda.- Establécense 2 modalidades:

  • a. Banda deseñada para participantes de 12 a 18 anos, e
  • b. Traballo de divulgación en calquera xénero literario para participantes a partir de 18 anos.

Terceira.- Poderá concorrer a este certame calquera persoa que presente o seu traballo en lingua galega. Só se poderá presentar un traballo por persoa.

Cuarta.- Os traballos presentados ademais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados ou divulgados en todo ou en parte por calquera medio físico ou electrónico. Os traballos presentados deberán aterse á:

  • a. extensión mínima de 2 páxinas e máxima de 4 páxinas para Banda deseñada
  • b. extensión mínima de 10 páxinas e máxima de 25 páxinas para Traballo de divulgación, en tamaño de folio DIN A4 mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12.

 Quinta.- Cada un dos traballos presentarase nunha copia en papel e nunha copia en formato dixital (tiff, jpg, doc ou pdf). Non se admitirán manuscritos do Traballo de divulgación.

Sexta.- O prazo de presentación rematará o 15 de setembro. Os traballos serán presentados en calquera biblioteca municipal ou escolar dos centros educativos da comarca de Lemos integrados no colectivo Lemos Le. [MODIFICACIÓN: ampliación do prazo]

Sétima.- Os traballos presentaranse nun sobre pechado, identificados por un lema ou título e asinados cun pseudónimo. Noutro sobre en cuxo exterior figure o pseudónimo, incluirase unha folla co nome, apelidos e NIF, os enderezos postal e electrónico e os teléfonos de contacto da persoa autora do traballo de xeito que lle facilite á organización pórse en contacto con ela. As persoas menores de idade deberán achegar a autorización dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal (ANEXO I).

No caso de remitirse as obras por correo postal a calquera das bibliotecas indicadas na base sexta, indicarase no sobre claramente “para participar no Certame de Divulgación Mulleres de Lemos”.

Oitava.- O xurado estará formado por 3 persoas entendidas na materia. O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado con voz pero sen voto unha persoa designada polo colectivo Lemos Le.

Novena.- Calquera incidencia ocasionada pola interpretación destas bases será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer ó longo do mes de outubro; mes da biblioteca.

Décima.- Concederase un único premio en cada categoría, segundo o criterio do Xurado. O xurado poderá declarar deserta algunha das categorías ou nomear un accésit por categoría se a calidade dos traballos presentados fai que así o estime oportuno.

Os premios consistirán en: diploma, 1 lote de libros, 1 lote de produtos da Ribeira Sacra e unha peza de artesanía local conmemorativa do certame.

Undécima.- A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará arredor do día 24 de outubro, Día das Bibliotecas.

Duodécima.- As obras gañadoras quedarán en propiedade do Colectivo Lemos Le. Os orixinais non premiados poderanse recuperar con cargo ás persoas autoras concorrentes, pasados 15 días da data de entrega de premios. Os orixinais que non fosen retirados neste prazo destruiranse.

Decimoterceira.- O Colectivo Lemos Le ten a potestade de publicar unha antoloxía coas mellores obras presentadas ó concurso, para o cal, cada participante polo mero feito de se presentar, concede autorización tácita ó colectivo para a publicación do seu orixinal.

Decimocuarta.- A participación neste certame supón a completa aceptación das presentes bases e máis das decisións do xurado que se designe.

Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2017


ANEXO I


Autorización de participación para menores de idade

Don/a___________________________________con DNI núm. ________________, como representante legal de ____________________________________, menor de idade, doulle a miña autorización para presentarse ó Certame de Divulgación Mulleres de Lemos.

__________________, ____ de ___________________ de 2017

Don/a___________________________________con DNI núm. ________________, como representante legal de ____________________________________, menor de idade, doulle a miña autorización ao Colectivo Lemos Le a reproducir e distribuír as imaxes do meu fillo/a derivadas da súa intervención nas actividades arriba mencionadas, en calquera dos formatos existentes, tanto clásicos (prensa, televisión, vídeo, DVD, etc.) como relacionados cos novos medios informáticos de redes de telecomunicación (páxinas de internet e blogs)

__________________, ____ de ___________________ de 2017

concurso para o día do libro infantil

Un ano máis, xa están listos os preparativos para a celebración do Día Internacional do Libro Infantil, a xornada que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen o día 2 de abril.
A OEPLI Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil, GÁLIX e as súas outras seccións, traballan xa na celebración deste día animando a participar a centros escolares, bibliotecas e librarías na difusión da mensaxe e cartel que este ano se preparou dende a sección rusa do IBBY, escrito por Sergey Makhotin, ilustrado por Mikhail Fedorov e traducido ao galego por Sabela González.

dili_gl

Entre outras actividades que vos iremos presentando nos vindeiros días, está a de animarvos a participar no concurso que coincidindo con esta data sinalada convocou a OEPLI Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil, e as súas diferentes seccións, entre as que se atopa Galix Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte:

o concurso “Andersen hoxe

Este concurso vai dirixido a nenas e nenos de primaria e primeiro ciclo de secundaria, que deberán escoller unha personaxe dos contos do autor dinamarqués Hans Christian Andersen e elaborar un debuxo actual do mesmo.

A participación no concurso organizarase a través dos centros docentes e bibliotecas que deberán facer unha selección previa de tres traballos por categoría e entregalos antes do día 2 de abril. Por eso vos convidamos a que pasedes pola biblioteca recoller o modelo de participación no concurso e o entreguedes ata o día 30 deste mes na ibblioteca, de xeito que poidamos facer a selección para enviar á organización. Podedes descargalo neste enlace e imprimir só a última páxina.

Podes descargar as Bases do concurso “Andersen hoxe” (e imprimir a última páxina) e tamén consultar o díptico pulsando no texto anterior en negra.