felicitación do día do libro 2020

A Biblioteca Pública Municipal do Saviñao, participa no vídeo elaborado por 31 bibliotecas públicas municipais pertencentes á Rede de Bibliotecas de Galicia para conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebra hoxe, 23 de abril. Estes centros seguimos a traballar e a buscar novas formas de contactar co público lector e este vídeo conmemorativo do Día Internacional do Libro é unha destas iniciativas. Nel aparecemos as persoas encargadas das bibliotecas para amosar a proximidade do servizo bibliotecario, aínda que as bibliotecas non están abertas ao público.

Aquí vos deixamos a nosa felicitación:

A ritmo da música de Guadi Galego (‘Chea de vida’) e Migallas (‘O libro máxico’), as bibliotecarias e bibliotecarios, un a un, imos intercambiando libros en pequenas pezas realizadas desde as nosas casas, simbolizando un traballo en rede cooperativo e de axuda común.

Outra iniciativa que inciciamos co estado de alarma é a #horadoconto, que consiste en recomendar un conto, de luns a venres, a través das redes sociais e páxinas web das diferentes bibliotecas e concellos. Cada día, unha das bibliotecas é a responsable de realizar dita recomendación, en diferentes formatos, xéneros e idiomas. A proposta ten como propósito fomentar a lectura e o contacto cos libros.

A bibliotecas públicas municipais que conformamos esta iniciativa somos as dos concellos de: Antas de Ulla, Arteixo, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Baiona, Boiro, Caldas de Reis, Chantada, Chapela- Redondela, Coirós, Corcubión, Miño, Mondariz Balneario, Narón, Noia, O Pino, O Saviñao, Ordes, Oroso, Portonovo, Redondela, Rianxo, Ribadavia, Rois, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Santa Comba, Sober, Teo, Xermade e Xinzo de Limia.

Ademais compartimos este vídeo para facer un marcapáxinas:

Día do libro 2020

Xa sabedes que o 23 de abril se celebra o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor. A escolla desta data pola UNESCO, débese a que o día 23 de abril de 1616 morreron CervantesShakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega, ademais de conmemorarse os aniversarios do nacemento ou da morte de toda unha serie de escritores eminentes como Maurice DruonH. LaxnessVladimir NabokovJosep Pla ou Manuel Mejía Vallejo.

Este ano tan excepcional, non podemos facer as actividades que nos gustaría na biblioteca, pero non queremos quedar sen celebralo, e por iso, convidámos a celebralo escoitando polo menos o comezo do clásico Don Quijote de Cervantes:

D Quijote e Sancho

Visitade outras propostas para ese día no noso twitter: BSavinao. Témosvos unha sorpresa preparada.

día do libro

O 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor. A escolla desta data pola UNESCO, débese a que o día 23 de abril de 1616 morreron Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega, ademais de conmemorarse os aniversarios do nacemento ou da morte de toda unha serie de escritores eminentes como Maurice Druon, H. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo.

Un día coma calquera outro para ler, pero quizais un pouco máis especial porque é festa para os amantes dos libros. Podemos celebrando lendo O Quixote, pero tamén podemos polo menos escoitar un capítulo da obra mestra de Cervantes neste enlace:

Capítulo XXIX que trata del gracioso artificio y orden que se tuvo en sacar a nuestro enamorado de la asperísmima penitencia en que se había puesto (só tedes que pulsar no botón de reproducir).

Utiliza as teclas de frecha arriba/abaixo para aumentar ou diminuír o volume. Se vos apetece, podedes escoitar todo o libro desde o mesmo sitio.

don quijote_pq

Atención, pregunta para nota:
Como se chaman as monturas
dos 2 homes da imaxe?

Se queres averigualo, ler algo máis sobre estas personaxes e as súas aventuras, destes autores ou doutros, pásate pola biblioteca e pide información.

día do libro 2018

Día do Libro

O 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor. A escolla desta data pola UNESCO, débese a que o día 23 de abril de 1616 morreron Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega, ademais de conmemorarse os aniversarios do nacemento ou da morte de toda unha serie de escritores eminentes como Maurice Druon, H. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo.

Un día coma calquera outro para ler, pero quizais un pouco máis especial porque é festa para os amantes dos libros. Podemos celebrando lendo O Quixote, pero tamén podemos polo menos escoitar un capítulo da obra mestra de Cervantes neste enlace:

De lo que contó un cabrero a los que estaban con Don Quijote (só tedes que pulsar no botón de reproducir).

Déixovos este enlace porque como a obra está en dominio público, se vos apetece, podedes escoitar todo o libro desde o mesmo sitio.

Canto sabes do Quixote?

Demóstrao xogando ó Trivial do Quixote!

Podes aprender máis cousas do fabuloso cabaleiro neste enlace.

Ademais se queres ler algo destes autores (ou doutros, claro), pásate pola biblioteca e pide información.

a biblioteca de celebración múltiple

Acabo de darme conta de que non se subiu o artigo preparado para o Día do Libro, no que vos anunciabamos que ademais a biblioteca fora galardoada cun novo premio.

Aproveitamos a ocasión para avisar de que recolleremos os traballos presentados ó Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas 2013 ata o xoves ás 12.00. O fallo darase a coñecer pola tarde.

A continuación reproducimos o artigo que se perdeu entre bits. Pedimos desculpas.


Hoxe ademais de celebrar o Día do Libro e do Dereito de Autor (instaurado pola UNESCO desde hai case 20 anos) cunha excursión, comunicámoslles ós nosos usuarios, que a biblioteca volveu resultar recoñecida cun dos 300 galardóns a nivel estatal na XV Campaña María Moliner de Animación á Lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes, que convoca anualmente o Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España.

[Ver nota de prensa do Ministerio de Cultura]

Feliz Día do Libro!

Reproducimos aquí a mensaxe da Directora Xeneral da UNESCO, Irina Bokova, con ocasión desta celebración:

O 23 de abril, desde fai 17 anos, a UNESCO celebra o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. En todo o mundo, os Estados Membros da UNESCO celebran o poder de convocatoria do libro, que transmite a cultura dos pobos e os seus soños dun futuro mellor

Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre a mellor maneira de difundir a cultura escrita e de permitir que todas as persoas, homes, mulleres e nenos, accedan a ela, mediante a aprendizaxe da lectura e o apoio ó oficio da edición, as librarías, as bibliotecas e as escolas. Os libros son os nosos aliados para difundir a educación, a ciencia, a cultura e a información en todo o mundo.

A cidade de Bangkok foi designada “Capital Mundial do Libro 2013”, en recoñecemento do seu programa orientado a desenvolver a lectura entre os xoves e os sectores desfavorecidos da poboación. Este exemplo é unha fonte de inspiración na nosa labor colectiva en defensa da diversidade editorial, a protección da propiedade intelectual e o acceso en condicións de igualdade á riqueza dos libros. A UNESCO participa nesa labor no espíritu da Convención sobre a Protección e Promoción da Diversidade das Expresións Culturais, co conxunto dos seus asociados, entre os que se atopan a Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas.

Este día sérvenos tamén para reflexionar sobre as transformacións que experimentou o libro a longo prazo e sobre os valores inmateriais polos que debemos guiarnos. O libro dixital ofrece novas oportunidades de acceso ós coñecementos, cun custo reducido, en ámbitos moi amplos. O libro tradicional segue sendo unha tecnoloxía poderosa, que non sofre averías, que podemos levar connosco e que resiste a proba do tempo. O libro, en cada unha das súas formas, é un instrumento precioso que contribúe á educación e a difundir a cultura e a información. A diversidade de libros e de contidos é unha fonte de enriquecemento que debemos facer efectiva mediante políticas públicas adaptadas, loitando contra a uniformización cultural. Esta bibliodiversidade é a nosa riqueza común, que fai do libro mmoito máis que un obxecto puramente material, a saber, a máis bela invención do ser humano para o intercambio de ideas máis alá das fronteiras do espazo e do tempo.

Irina Bokova

Non esquezades que o venres teremos no contacontos a:


O contacontos do ratiño presumido foi cambiado de data, pero ese venres tivemos sesión de contacontos igualmente.

día do libro 2013

Para celebrar o Día do Libro, o día 23 de abril, a Biblioteca do Saviñao, en colaboración coa Biblioteca de Sober e o seu Clube de Lectura “Pintor de Castinande” organizan unha excursión, para coñecer algún dos enclaves culturais e patrimoniais máis representativos do concello do Saviñao.

Os desprazamentos faranse nos coches dos propios asistentes, polo que é importante anotarse para saber o número de participantes e de cantos coches se disporá, para poder organizar os traslados.

A celebración comezará na Biblioteca Municipal do Saviñao ás 17.00 h.

Comezará cunha visita guiada e un acto conmemorativo, e se a meteoroloxía non o impide, desprazarémonos a dous enclaves próximos: Abuime e Seteventos.

Para anotarse chamar a estes números ou contactar con estes correos:

Para saber como chegar á biblioteca do Saviñao, preme neste enlace.

.

Ademais, o venres 26, ás 17.00, venres de contacontos na biblioteca, visitaranos a Compañía Trinke Trinke, nunha actividade ofertada dentro do programa Ler conta moito, financiado polo Concello do Saviñao e a Consellería de Cultura, Educación e ordenación Universitaria.

Máis información en vindeiros días.

día do libro infantil 2013

Cartel de Ashley Bryan

Pat Mora escribiu a Mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Lemos xuntos, ti e eu.
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.

Oímos murmurios
e ríos buliciosos nas súas páxinas,
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.

Entramos en misteriosos castelos
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan
e nenos que atrapan as estrelas.

Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.

(Traducido por Concha Blanco)

Adhesións á celebración do Día Internacional do Libro Infantil

Desde as catro Seccións da OEPLI anímase principalmente ás librarías e bibliotecas, para que organicen actos en torno á figura de Andersen, ó redor da cal se celebra o Día do Libro Infantil.

Pódese consultar a lista de adhesións.

Mañá mércores continuaremos celebrándoo coa proxección da película El patito feo y yo ás 6 da tarde

día do libro infantil

Para celebrar o Día da Poesía, o Día do Teatro, o Día do Libro Infantil e o Día do Libro, que se celebran respectivamente o 21 e 23 de marzo e o 2 e o 23 de abril, a biblioteca ofrecerá as seguintes actividades:

  • venres 22 de marzo: ás 17.00 Contos do Día do Libro Infantil (con actividade)

  • 22 de marzo ó 5 de abril: exposición de libros de Andersen

  • 27 de marzo: ás 12.00 obradoiro artístico
  • 3 de abril: ás 18.00 proxección El patito feo y yo

  • os venres de abril: ás 17.00 obradoiros de origami
  • 26 de abril: ás 17.00 contacontos

Xa informaremos das actividades de maio para celebrar o Día das Letras Galegas.

actividades de abril na televisión

As actividades que se fixeron polo Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro foron referidas en TelevinteChantada.

Pódense ver fotos das actividades na sección de Fotos da biblioteca neste mesmo blog. Se tedes fotos e queredes subilas, podedes facérnoas chegar por correo ou traelas nunha memoria externa para que as subamos ó blog.

23/03/2012:

19/04/2012:

En maio continuamos co noso programa de actividades:

  • os obradoiros de papiroflexia os venres ás 6 da tarde
  • o día 9 remata o prazo do Certame de Narración e Debuxo Infantil Día das Letras Galegas
  • o último venres de mes, o 25 de maio, teremos contacontos seguido de obradoiro ás 5 da tarde
  • máis actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, que iremos dando a coñecer aquí e na prensa.