calendario 2019

Presentámosvos o Calendario 2019 coas datas máis salientables arredor do libro e a lectura. Podedes descargalo neste enlace.

calendario_do_libro_e_a_lectura_2019.png

Destacamos nel, en negriña, as datas que celebraremos con máis intensidade:

  • 11 de xaneiro: Día do usuario/a das bibliotecas
  • 30 de xaneiro: Día da ilustración (aniversario do nacemento de Castelao)
  • 21 de febreiro: Día da lingua materna
  • 24 de febreiro: Aniversario do nacemento de Rosalía de Castro
  • 20 de marzo: Día da narración oral
  • 21 de marzo: Día da Poesía
  • 27 de marzo: Día do Teatro
  • 1 de abril: Día das Artes Galegas (Luis Seoane)
  • 2 de abril: Día do Libro infantil e xuvenil
  • 23 de abril: Día do Libro
  • 26 de abril: Día da Propiedade Intelectual
  • 3 de maio: Día da liberdade de prensa
  • 17 de maio: Día das Letras Galegas (Antón Fraguas)
  • 9 de xuño: Día dos Arquivos
  • 26 de xullo: Día da Comprensión Lectora
  • 8 de setembro: Día da Alfabetización
  • 26 de setembro: Día Europeo das Linguas
  • 30 de setembro: Día da Tradución
  • 16 de outubro: Día das Escritoras
  • 24 de outubro: Día da Biblioteca
  • novembro: Día das Librarías
  • 17 de decembro: Día da edición (nacemento de Ánxel Casal)

escribes cartas?

Este domingo, 9 de outubro, celébrase o Día Mundial do Correo.

Que vos parece celebralo escribindo unha carta a man e enviándolla a alguén a quen apreciades para que lle chegue o venres ou o luns?

O pase de diapositivas require JavaScript.

Preguntade na oficina máis próxima o tempo que tardaría en chegar (as nacionais adoitan tardar, dependendo das datas de 2 a 3 días) e enviádea con tempo…

E se non chega a tempo, non pasa nada. A sorpresa será igualmente agradable para quen a reciba.

Aquí vos deixo o esquema máis básico de escritura dunha carta:

Escairón, 3 de outubro de 2016

Querid@s usuari@s,

Quero explicarvos brevemente como escribir unha carta.

Tal e como vedes, comeza indicando o lugar desde o que escribimos e a data separados por unha coma. Despois dun breve saúdo entramos en materia: a mensaxe que queremos enviar na nosa carta (contar como estamos, as novidades que hai na nosa vida, en fin, o que queiramos contarlle á persoa á que lle imos enviar a nosa carta).

Para rematar e pechar a carta, despedímonos. A despedida podémola facer de moitas maneiras: decindo que queremos a esa persoa, decíndolle que agardamos vela pronto ou que agardamos a súa resposta,… e finalmente indicamos o noso nome e rúbrica para que saiba quen lle escribe (aínda que se non esquecemos indicalo no sobre, xa o saberá antes de abrir a carta).

Espero que vos animedes a escribir algunha carta para celebrar o Día Mundial do Correo, e pasedes pola biblioteca a contárnolo e buscar algún libro relacionado con cartas.

Ata pronto,

A vosa bibliotecaria favorita.

No sobre no que enviedes a vosa carta, deberedes indicar o nome e enderezo da persoa que debe recibila [DESTINATARIA], ademais do voso nome e enderezo [REMITENTE] para que saiba a onde debe responder. Ademais deberedes poñer un selo [TIMBRE] para pagar o envío. (Podedes ver como e onde poñelos no debuxo do sobre que vos deixo ó comezo deste artigo.)

Tamén podedes pasar pola biblioteca para preguntar como facer.

Feliz Día Mundial do Correo a todos os escritores e receptores de cartas, e a todos os carteiros e carteiras do mundo!

cartaz-upu-union-postal-universal

Por que este día? Porque nesta data en 1874 se fundou a Unión Postal Universal (UPU).

Desde cando se celebra? Vénse celebrando desde 1969.

Onde atopar máis información? Na páxina da web da Organización das Nación Unidas adicada ó evento http://www.un.org/es/events/postday

chan da pólvora

 

A semana pasada abriu unha libraría especializada en poesía cun espazo de creación artística na rúa de San Pedro, en Santiago de Compostela. Trátase de Chan da Pólvora, que conta ademais cunha editorial que tamén terá a súa sede na libraría.

Seguro que coñecedes ben algunha das tres caras deste proxecto: Antón Lopo, Eduard Velasco e mais Alicia Fernández.

Noraboa pola iniciativa e un bo futuro para este proxecto cultural.

O desexo do gato Klops, de Estefanía Padullés

cartaz desexo do gato klops A ilustradora e escritora Estefanía Padullés presentaranos o seu conto “O desexo do gato Klops” e desvelaranos algún dos secretos do traballo do debuxo e da ilustración.

Convidámosvos a participar nesta actividade ideal para asistir en familia, que terá lugar na Sala Infantil da Biblioteca Municipal do Saviñao o vindeiro venres 7 de agosto ás 12 da mañá.

A autora, de orixe catalán, trasladouse a vivir a Galicia hai algúns anos e esta é a primeira obra que ilustra e escribe.

desexo do gato klopsNa sesión coñeceremos a marabillosa historia do gato Klops, un conto que nos fala do proceso de aprendizaxe necesario para recoñecer que somos valiosos e dignos de ser queridos a pesar de non ser perfectos. Con formato de álbum, as ilustracións complementan a historia e motivan unha aprendizaxe entretida, interactiva y reflexiva.

gato klopsA actividade está indicada non só para nen@s, senon que é perfecta para asistir en familia, con ou sen nen@s.

Como xa dixemos, ó rematar a actividade a autora asinará gustosa os exemplares dos asistentes que asi o desexen.sinatura de exemplares

asociarse á biblioteca

Sala Infantil 1Para poder levar libros da biblioteca para a casa, é necesario asociarse.

1. Como se fai?
   É moi sinxelo: só hai que achegarse á biblioteca e solicitar o formulario de alta.

2. Pode asociarse calquera persoa?
   Si, pero os menores de idade precisan autorización paterna ou tutelar (incluída no mesmo formulario de alta).

3. Que fai falla?
   Fotocopia do DNI (ou outro documento de identificación persoal como pasaporte ou NIE) da persoa que se quere facer socia, e no caso de ser menor de idade, tamén a da persoa que a autorice a asociarse.

4. Que materiais podo consultar?
   Pódense consultar libremente nas salas todos os materiais da biblioteca.

5. E levar para a casa?
   Pódense levar todos os materiais agás dicionarios, enciclopedias, manuais e obras de referencia.

6. Canto tempo podo telos na casa?
   Os empréstitos fanse por 15 días.

7. E se non me da tempo de acabalos?
   Non pasa nada. Agás excepcións (novidades, obras con moita demanda e lista de espera,…) poderanse renovar por outros 15 días sempre e cando se avise antes do remate do prazo inicial de entrega e non se teña retrasado na devolución de anteriores préstamos.

8. Que pasa se non devolvo os materiais dentro de prazo?
   Que se poderá restrinxir o número de exemplares a levar ata ningún en función da gravidade do retraso e as reincidencias coas devolucións fóra de prazo.

9. Pero se acabo o libro antes do prazo asignado non podo levar máis?
   As devolucións poden facerse en calquera momento antes do prazo de entrega. A data de devolución é o último día de prazo para ter os materiais na casa.

10. Como teño que facer a renovación do prazo?
   Se o libro non tén lista de espera e se pode renovar, podes facer a renovación de 2 xeitos: indo á biblioteca ou chamando por teléfono, pois así xa che dicimos ó momento ata que día tés renovada a obra. Tamén podes enviar un correo electrónico, pero é posible que tardemos en velo e non poidamos facerche a renovación dentro do prazo.

contacontos dos tempos de maricastaña (I)

Este venres teremos unha sesión especial de contacontos no que saberemos máis da expresión “dos tempos de Maricastaña“.
cartaz contacontos maricastañaIgual que o ano pasado traballamos a figura de Inés de Castro, unha historia entre o mito e a lenda, este ano continuaremos entre o mito e a lenda para coñecer máis sobre a “Maricastaña” que deu orixe á expresión “dos tempos de Maricastaña”. Veremos algunhas curiosidades, verdades e falsidades que seguro que non coñeciamos, por exemplo:

Por que se di “dos tempos de Maricastaña”?
Quen foi a primeira persoa en usar esa expresión?
Onde se usa? Desde cando?
Quen foi Maricastaña? Existiu realmente ou é unha lenda?

A estas e a outras preguntas intentaremos dar resposta este venres ás 5 da tarde na Sala Infantil da biblioteca na sesión de contacontos de marzo. E quizais poidamos ver outro traballo coma o do ano pasado (xa que tanto gustou) sobre Inés de Castro.

traballo sobre  Inés de Castro

traballo sobre
Inés de Castro

[preme aquí para atopalo na biblioteca]

[preme aquí para velo en liña]

Este é un traballo que facemos en colaboración co CIM de Monforte, outras bibliotecas municipais e centros escolares da zona de Lemos.

acadando os 2 millóns de consultas

Nin nas nosas mellores previsións contabamos chegar ós 2 MILLÓNS de consultas no noso catálogo antes de marzo ou abril deste ano.

Hoxe estamos a pouco máis de 700 consultas de acadar ese punto: 2 MILLÓNS de consultas ó catálogo!

1999223 visitasÉ posible grazas a que vós, os nosos usuarios usades cada vez máis o catálogo online para consultar os fondos dispoñibles na nosa biblioteca.

a biblioteca de celebración múltiple

Acabo de darme conta de que non se subiu o artigo preparado para o Día do Libro, no que vos anunciabamos que ademais a biblioteca fora galardoada cun novo premio.

Aproveitamos a ocasión para avisar de que recolleremos os traballos presentados ó Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas 2013 ata o xoves ás 12.00. O fallo darase a coñecer pola tarde.

A continuación reproducimos o artigo que se perdeu entre bits. Pedimos desculpas.


Hoxe ademais de celebrar o Día do Libro e do Dereito de Autor (instaurado pola UNESCO desde hai case 20 anos) cunha excursión, comunicámoslles ós nosos usuarios, que a biblioteca volveu resultar recoñecida cun dos 300 galardóns a nivel estatal na XV Campaña María Moliner de Animación á Lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes, que convoca anualmente o Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España.

[Ver nota de prensa do Ministerio de Cultura]

Feliz Día do Libro!

Reproducimos aquí a mensaxe da Directora Xeneral da UNESCO, Irina Bokova, con ocasión desta celebración:

O 23 de abril, desde fai 17 anos, a UNESCO celebra o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. En todo o mundo, os Estados Membros da UNESCO celebran o poder de convocatoria do libro, que transmite a cultura dos pobos e os seus soños dun futuro mellor

Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre a mellor maneira de difundir a cultura escrita e de permitir que todas as persoas, homes, mulleres e nenos, accedan a ela, mediante a aprendizaxe da lectura e o apoio ó oficio da edición, as librarías, as bibliotecas e as escolas. Os libros son os nosos aliados para difundir a educación, a ciencia, a cultura e a información en todo o mundo.

A cidade de Bangkok foi designada “Capital Mundial do Libro 2013”, en recoñecemento do seu programa orientado a desenvolver a lectura entre os xoves e os sectores desfavorecidos da poboación. Este exemplo é unha fonte de inspiración na nosa labor colectiva en defensa da diversidade editorial, a protección da propiedade intelectual e o acceso en condicións de igualdade á riqueza dos libros. A UNESCO participa nesa labor no espíritu da Convención sobre a Protección e Promoción da Diversidade das Expresións Culturais, co conxunto dos seus asociados, entre os que se atopan a Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas.

Este día sérvenos tamén para reflexionar sobre as transformacións que experimentou o libro a longo prazo e sobre os valores inmateriais polos que debemos guiarnos. O libro dixital ofrece novas oportunidades de acceso ós coñecementos, cun custo reducido, en ámbitos moi amplos. O libro tradicional segue sendo unha tecnoloxía poderosa, que non sofre averías, que podemos levar connosco e que resiste a proba do tempo. O libro, en cada unha das súas formas, é un instrumento precioso que contribúe á educación e a difundir a cultura e a información. A diversidade de libros e de contidos é unha fonte de enriquecemento que debemos facer efectiva mediante políticas públicas adaptadas, loitando contra a uniformización cultural. Esta bibliodiversidade é a nosa riqueza común, que fai do libro mmoito máis que un obxecto puramente material, a saber, a máis bela invención do ser humano para o intercambio de ideas máis alá das fronteiras do espazo e do tempo.

Irina Bokova

Non esquezades que o venres teremos no contacontos a:


O contacontos do ratiño presumido foi cambiado de data, pero ese venres tivemos sesión de contacontos igualmente.

avión biblioteca

Nunha pequena comunidade campesiña de Charamuray no sector de Armiry, no distrito de Colquemarca, provincia de Chumbivilca de Cusco (Perú) habilitaron o interior dun avión sinistrado fai 18 anos no medio dos terreos da comunidade, debido a unha aterraxe de emerxencia. Este avión atopábase en estado de abandono e ocorréuselles restauralo como biblioteca escolar para os ó redor de 800 rapaces en idade escolar da comunidade.

Unha excelente idea para reaproveitar un espazo desaproveitado, para ofrecer un servizo de certo moi agradecido polos usuarios.

Coñecedes outras bibliotecas curiosas ou en lugares curiosos? Facédenolas coñecer!

a quen lle gustan os libros?

Sen dúbida a Hernando Guanlao, un home de Manila, máis coñecido como Nanie.

Esta historia comeza no ano 2000, pouco despois da morte dos seus pais. El quería honrar a súa memoria dalgún xeito, e así se lle ocorreu a idea de promover o gusto pola lectura que herdou deles.

Vendo todos os libros que tiña (algo menos dun cento), decidiu darlles unha utilidade e púxoos na rúa á porta da súa casa para ver se a alguén lle interesaba levalos prestados. Efectivamente había xente interesada en levalos, e mesmo lle levaron máis libros para emprestar, e así é como a colección foi aumentando ata chegar esta biblioteca á dimensión que tén na actualidade.

Os lectores poden levar os libros que queiran, polo tempo que queiran, incluso para sempre. E sorprendentemente, o número de libros non deixa de aumentar. Non sabe os libros cos que conta, pero facilmente poden superar os 2000 ou os 3000. Ocupan tódolos rincóns da súa casa (hai tempo que tivo que sacar o coche do garaxe para facer sitio ós libros). Non tén ningún tipo de rexistro nin de control dos libros emprestados: só sabe que faltan libros polos ocos que quedan nas estanterías.

Incluso sen estar sinalizada a xente atópaa sen dificultades. Conta ademais cunha ciclobiblioteca para acercarlles os libros ás comunidades máis pobres de Manila.

Comezou a levar a súa idea fóra de Manila enviando varias caixas de libros a outras localidades. Incluso na outra punta do país quere axudar a crear unha biblioteca similar, levando adiante un proxecto de barco-biblioteca que recorra varias illas do sur do país.

Nanie cre que vale a pena invertir todo o seu tempo mantendo a biblioteca, renunciando incluso ao seu traballo e vivindo unicamente dos seus aforros: “Non se lles fai xustiza a estes libros abandoándoos nun armario ou nunha caixa”; “Un libro debe ser utilizado e reutilizado. Tén vida propia, tén unha mensaxe”; “Como cuidador de libros convírteste nun home completo”.

[noticia orixinal en inglés]