propón unha muller para as letras 2018

Xa sabedes que no Colectivo Lemos Le queremos resaltar o papel da muller ó longo da historia na nosa comarca. Pois sempre foi relegada dos libros a pesar da súa importancia social.

Hoxe, desde a biblioteca queremos compartir con vós a iniciativa que impulsa Polo correo do vento, que estivo varias veces contándonos historias na biblioteca. E facémolo cun extracto da publicación de praza.gal [preme na ligazón para acceder ó artigo completo]:

Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). Son as tres únicas autoras homenaxeadas nos 55 anos de historia do Día das Letras Galegas. Nas vindeiras semanas a Real Academia Galega escollerá o autor ou autora a quen dedicará a edición 2018 das Letras e vén de comezar unha campaña que solicita que a homenaxeada sexa unha muller. O colectivo Polo Correo do Vento impulsa a iniciativa, que busca “denunciar a inxustiza histórica do papel da muller na cultura e nos demais ámbitos da sociedade” e “dar a coñecer a mulleres que escribiron en lingua galega ou traballaron na defensa do idioma”. 

(…) lle remita a un dos académicos ou académicas da RAG cartas (pódese descargar aquí o modelo) demandando o recoñecemento para unha autora galega, (…).

A campaña busca tamén a mobilización nas redes sociais, empregando etiqueta #Proponunhamuller, e outras como #nonhaiescusa, #Xavaisendohoraunhamullerparao18, #Sonmoitasasmulleresepoucasasnomeadas, #esteanosi, #Temosmoitasescritorasedecalidade ou #proponunhamullerparao18.

Polo Correo do Vento fai unha primeira proposta de dez autoras que poderían ser merecedoras do recoñecemento, sinalando que na campaña se poderían engadir todas as que as persoas participantes queiran. As dez autoras propostas inicialmente son: Avelina Valladares, Belén Feliú, Clara Corral Aller, Filomena Dato, Luísa Villalta, María Tobío, Mª Victoria Moreno, Pura Vázquez, Xela Arias e Xosefa Iglesias Vilarelle.

Advertisements

ampliado o prazo para o certame mulleres de lemos

AVISO

O prazo de entrega de traballos para o IV Certame de Divulgación Mulleres de Lemos amplíase ata o 15 de setembro.

Os traballos serán presentados en calquera biblioteca municipal ou escolar dos centros educativos da comarca de Lemos integrados no colectivo Lemos Le.

Lebramos os seguintes puntos das bases:

Establécense 2 modalidades:
– a.
Banda deseñada para participantes de 12 a 18 anos, e
– b.
Traballo de divulgación en calquera xénero literario para participantes a partir de 18 anos.

Os traballos presentados deberán aterse á extensión mínima e máxima de:
a. 2 a 4 páxinas para Banda deseñada
b. 10 a 25 páxinas para Traballo de divulgación, en tamaño de folio DIN A4 mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12.

balbina_cartel_pqPodedes consultar as bases completas da convocatoria clicando na imaxe.

Ampliación e actualizacións da información relacionada co certame no blog LemosLe.

visita de 5º de primaria

Os alumnos de 5º de Primaria do CPI Dr. López Suárez de Escairón na súa visita á biblioteca municipal, ademais de achegarse á biografia de Balbina López puideron ver os traballos presentados ós certames de Banda Deseñada de María Castaña e Lola de Penelas que este mes decoran a biblioteca.

balbina con 5º1

Atentos á biografía de Balbina López e sobre todo a fotos da súa vida. Á esquerda vense expostos os traballos de Banda Deseñada sobre María Castaña.

Para rematar a visita, fixeron un breve percorrido pola vila de Escairón para coñecer os sitios máis relevantes de Escairón para coñecer a Balbina López: as rúas Pardo Bazán e Doctor Portela nas que viviu, a Praza maior onde tiña a súa farmacia e mercaba as froitas e verduras no mercado, e as dúas farmacias que hai hoxe na vila.

balbina con 5º3

Vemos onde estaba a farmacia que rexentou Balbina López antes de que coa reforma do edificio para albergar a residencia se trasladara uns metros rúa arriba.

balbina con 5º2

Aquí vemos onde os campesiños vendían os seus excedentes de produción durante a semana na praza Maior.

 

exposición, contacontos e roteiro mulleres de lemos

Dende hoxe e durante todo o mes de maio poderanse ver na biblioteca as seccións da exposición Mulleres de Lemos que se adican a María Castaña e a Lola de Penelas.

Forman parte desta mostra os traballos presentados na modalidade de banda deseñada do segundo e terceiro Certame de Divulgación Mulleres de Lemos.

lola de penelasA de Lola de Penelas é a primeira vez que nos visita.

maría castañaA de María Castaña xa estivo con nós o ano pasado.

Ademais están dispoñibles en préstamo os tres contos da colección Mulleres de Lemos, unha muller para o 8 de marzo adicados a Inés de Castro, María Castaña e Lola de Penelas.

Esperamos que despois de ver os traballos presentados outros anos ó certame, vos animedes a participar coas vosas Bandas deseñadas. Consultade aquí as bases.

Para coñecer máis sobre a muller á que se lle adica este ano (a farmacéutica Balbina López Somoza), visitarán a biblioteca o vindeiro xoves 4 de maio ás 12:30 os alumnos de 5º de Primaria do CPI Dr. López Suárez de Escairón. Faremos un miniroteiro para completar un contacontos inspirado na súa biografía. E para rematar, ilustraremos unha escea da súa vida.

contacontos de balbina lópez

semana santa 2017.png

Programación Semana Santa 2017

Dentro da programación de actividades para esta Semana Santa, incluímos contacontos o martes en Escairón.

O vindeiro día 11 de abril, ás 5 da tarde teremos un contacontos especial adicado a Balbina López Somoza. Remataremos cun obradoiro de debuxo.

contacontos_pq.png

roteiro balbina lópez

balbina 1940.png

Esta semana na Biblioteca Municipal do Saviñao pechamos as actividades do mes da muller cun roteiro polos lugares da vida da farmacéutica Balbina López Somoza na vila de Escairón.

No roteiro participarán os alumnos de 1º da ESO do CPI Dr. López Suárez e terá lugar mañá mércores 5 de abril ó redor das 12:45 saíndo da biblioteca municipal e pasando pola actual residencia e as dúas farmacias da vila, rematando no cemiterio municipal.

Ó longo do precorrido coñeceremos diferentes detalles da súa vida e intentaremos animar ós asistentes a participar no IV Certame Mulleres de Lemos modalidade Banda Deseñada para estudantes de Secundaria e Bacharelato.

Actualización:

O roteiro realizouno o alumnado de 1º ESO do CPI Dr. López Suárez.
Entre os sitios visitados están as dúas farmacias locais, as rúas nas que viviu a farmacéutica e o cemiterio municipal onde repousan os seus restos. Ademais puideron coñecer lugares importantes e datos demográficos, sociais, económicos e politícos da época.

certame de divulgación mulleres de lemos

O Colectivo Lemos Le, formado polas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra do Brollón, Bóveda, O Saviñao e Sober e as bibliotecas escolares e Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística do CEIP A Gándara, CEIP A Pobra do Brollón, CEIP Colexio Novo, CEIP Monte Baliño, CEIP Virxe do Carme, EEI Infanta Elena e IES Daviña Rey, para conmemorar o Día da Muller que se celebra o 8 de marzo, organiza por cuarto ano o Certame Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.
Cada ano escóllese a figura dunha muller que fora relevante na historia das Terras de Lemos, que nacera, vivira ou morrera na comarca, ou cuxa vida estivera moi relacionada con ela. O Certame deste ano estará dedicado a Balbina López Somoza unha farmacéutica do Saviñao do século XX. Propónse a esta muller como unha pioneira da ciencia na nosa comarca.
As actividades que se desenvolverán son:
  • Obradoiro “Balbina López Somoza. Unha muller para o 8 de marzo” nos centros educativos públicos e concertados da nosa comarca. Esta actividade desenvolverase en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e constará por unha banda, nun traballo de reflexión sobre a vida dunha precursora científica no século XX e, por outra banda, na elaboración dun libro que plasme en imaxes esta reflexión a través da súa vida.
  • IV Certame Mulleres de Lemos modalidade Banda Deseñada. Para Secundaria e Bacharelato (de 12 a 18 anos).
  • IV Certame Mulleres de Lemos modalidade Divulgación. Para maiores de 18 anos.
As bases do IV Certame de Divulgación Mulleres de Lemos atoparédelas a continuación. No blog do Colectivo Lemos Le, que se pódese ampliar a información.
balbina_cartel_pq
 
IV Certame de Divulgación Mulleres de Lemos
Este certame rexerase polas seguintes
BASES:
Primeira.- O certame deste ano versará sobre a figura de Balbina López Somoza.

Segunda.- Establécense 2 modalidades:

  • a. Banda deseñada para participantes de 12 a 18 anos, e
  • b. Traballo de divulgación en calquera xénero literario para participantes a partir de 18 anos.

Terceira.- Poderá concorrer a este certame calquera persoa que presente o seu traballo en lingua galega. Só se poderá presentar un traballo por persoa.

Cuarta.- Os traballos presentados ademais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados ou divulgados en todo ou en parte por calquera medio físico ou electrónico. Os traballos presentados deberán aterse á:

  • a. extensión mínima de 2 páxinas e máxima de 4 páxinas para Banda deseñada
  • b. extensión mínima de 10 páxinas e máxima de 25 páxinas para Traballo de divulgación, en tamaño de folio DIN A4 mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12.

 Quinta.- Cada un dos traballos presentarase nunha copia en papel e nunha copia en formato dixital (tiff, jpg, doc ou pdf). Non se admitirán manuscritos do Traballo de divulgación.

Sexta.- O prazo de presentación rematará o 15 de setembro. Os traballos serán presentados en calquera biblioteca municipal ou escolar dos centros educativos da comarca de Lemos integrados no colectivo Lemos Le. [MODIFICACIÓN: ampliación do prazo]

Sétima.- Os traballos presentaranse nun sobre pechado, identificados por un lema ou título e asinados cun pseudónimo. Noutro sobre en cuxo exterior figure o pseudónimo, incluirase unha folla co nome, apelidos e NIF, os enderezos postal e electrónico e os teléfonos de contacto da persoa autora do traballo de xeito que lle facilite á organización pórse en contacto con ela. As persoas menores de idade deberán achegar a autorización dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal (ANEXO I).

No caso de remitirse as obras por correo postal a calquera das bibliotecas indicadas na base sexta, indicarase no sobre claramente “para participar no Certame de Divulgación Mulleres de Lemos”.

Oitava.- O xurado estará formado por 3 persoas entendidas na materia. O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado con voz pero sen voto unha persoa designada polo colectivo Lemos Le.

Novena.- Calquera incidencia ocasionada pola interpretación destas bases será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer ó longo do mes de outubro; mes da biblioteca.

Décima.- Concederase un único premio en cada categoría, segundo o criterio do Xurado. O xurado poderá declarar deserta algunha das categorías ou nomear un accésit por categoría se a calidade dos traballos presentados fai que así o estime oportuno.

Os premios consistirán en: diploma, 1 lote de libros, 1 lote de produtos da Ribeira Sacra e unha peza de artesanía local conmemorativa do certame.

Undécima.- A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará arredor do día 24 de outubro, Día das Bibliotecas.

Duodécima.- As obras gañadoras quedarán en propiedade do Colectivo Lemos Le. Os orixinais non premiados poderanse recuperar con cargo ás persoas autoras concorrentes, pasados 15 días da data de entrega de premios. Os orixinais que non fosen retirados neste prazo destruiranse.

Decimoterceira.- O Colectivo Lemos Le ten a potestade de publicar unha antoloxía coas mellores obras presentadas ó concurso, para o cal, cada participante polo mero feito de se presentar, concede autorización tácita ó colectivo para a publicación do seu orixinal.

Decimocuarta.- A participación neste certame supón a completa aceptación das presentes bases e máis das decisións do xurado que se designe.

Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2017


ANEXO I


Autorización de participación para menores de idade

Don/a___________________________________con DNI núm. ________________, como representante legal de ____________________________________, menor de idade, doulle a miña autorización para presentarse ó Certame de Divulgación Mulleres de Lemos.

__________________, ____ de ___________________ de 2017

Don/a___________________________________con DNI núm. ________________, como representante legal de ____________________________________, menor de idade, doulle a miña autorización ao Colectivo Lemos Le a reproducir e distribuír as imaxes do meu fillo/a derivadas da súa intervención nas actividades arriba mencionadas, en calquera dos formatos existentes, tanto clásicos (prensa, televisión, vídeo, DVD, etc.) como relacionados cos novos medios informáticos de redes de telecomunicación (páxinas de internet e blogs)

__________________, ____ de ___________________ de 2017

lola de penelas

Esta mañá presentouse na Casa da Cultura de Monforte o libro Lola de Penelas, unha muller para o 8 de marzo que se acaba de editar.

E desde esta mesma tarde está dispoñible no fondo da biblioteca municipal!

O conto está elaborado polo Centro de Información á Muller coa colaboración do Colectivo Lemos Le (integrado por bibliotecas escolares e municipais da Comarca de Lemos e a Asociación de Libreiros de Monforte) e está ilustrado cos traballos dos escolares dos concellos da Comarca de Lemos.

libros-lola-de-penelas.jpg

Esta mañá recollemos os exemplares da biblioteca e esta tarde xa pode levarse para a casa xunto con Inés de Castro, unha muller para o 8 de marzoMaría castaña, unha muller para o 8 de marzo das anteriores edicións.

portada Inés de Castro, unha muller para o 8 de marzo

Inés de Castro, unha muller para o 8 de marzo

12929-1

María Castaña, unha muller para o 8 de marzo