Acabo de darme conta de que non se subiu o artigo preparado para o Día do Libro, no que vos anunciabamos que ademais a biblioteca fora galardoada cun novo premio.
Aproveitamos a ocasión para avisar de que recolleremos os traballos presentados ó Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas 2013 ata o xoves ás 12.00. O fallo darase a coñecer pola tarde.
A continuación reproducimos o artigo que se perdeu entre bits. Pedimos desculpas.
Hoxe ademais de celebrar o Día do Libro e do Dereito de Autor (instaurado pola UNESCO desde hai case 20 anos) cunha excursión, comunicámoslles ós nosos usuarios, que a biblioteca volveu resultar recoñecida cun dos 300 galardóns a nivel estatal na XV Campaña María Moliner de Animación á Lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes, que convoca anualmente o Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España.
[Ver nota de prensa do Ministerio de Cultura]
Feliz Día do Libro!

Reproducimos aquí a mensaxe da Directora Xeneral da UNESCO, Irina Bokova, con ocasión desta celebración:
O 23 de abril, desde fai 17 anos, a UNESCO celebra o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. En todo o mundo, os Estados Membros da UNESCO celebran o poder de convocatoria do libro, que transmite a cultura dos pobos e os seus soños dun futuro mellor
Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre a mellor maneira de difundir a cultura escrita e de permitir que todas as persoas, homes, mulleres e nenos, accedan a ela, mediante a aprendizaxe da lectura e o apoio ó oficio da edición, as librarías, as bibliotecas e as escolas. Os libros son os nosos aliados para difundir a educación, a ciencia, a cultura e a información en todo o mundo.
A cidade de Bangkok foi designada “Capital Mundial do Libro 2013”, en recoñecemento do seu programa orientado a desenvolver a lectura entre os xoves e os sectores desfavorecidos da poboación. Este exemplo é unha fonte de inspiración na nosa labor colectiva en defensa da diversidade editorial, a protección da propiedade intelectual e o acceso en condicións de igualdade á riqueza dos libros. A UNESCO participa nesa labor no espíritu da Convención sobre a Protección e Promoción da Diversidade das Expresións Culturais, co conxunto dos seus asociados, entre os que se atopan a Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas.
Este día sérvenos tamén para reflexionar sobre as transformacións que experimentou o libro a longo prazo e sobre os valores inmateriais polos que debemos guiarnos. O libro dixital ofrece novas oportunidades de acceso ós coñecementos, cun custo reducido, en ámbitos moi amplos. O libro tradicional segue sendo unha tecnoloxía poderosa, que non sofre averías, que podemos levar connosco e que resiste a proba do tempo. O libro, en cada unha das súas formas, é un instrumento precioso que contribúe á educación e a difundir a cultura e a información. A diversidade de libros e de contidos é unha fonte de enriquecemento que debemos facer efectiva mediante políticas públicas adaptadas, loitando contra a uniformización cultural. Esta bibliodiversidade é a nosa riqueza común, que fai do libro mmoito máis que un obxecto puramente material, a saber, a máis bela invención do ser humano para o intercambio de ideas máis alá das fronteiras do espazo e do tempo.
Irina Bokova
Non esquezades que o venres teremos no contacontos a:

O contacontos do ratiño presumido foi cambiado de data, pero ese venres tivemos sesión de contacontos igualmente.