propón unha muller para as letras 2018

Xa sabedes que no Colectivo Lemos Le queremos resaltar o papel da muller ó longo da historia na nosa comarca. Pois sempre foi relegada dos libros a pesar da súa importancia social.

Hoxe, desde a biblioteca queremos compartir con vós a iniciativa que impulsa Polo correo do vento, que estivo varias veces contándonos historias na biblioteca. E facémolo cun extracto da publicación de praza.gal [preme na ligazón para acceder ó artigo completo]:

Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). Son as tres únicas autoras homenaxeadas nos 55 anos de historia do Día das Letras Galegas. Nas vindeiras semanas a Real Academia Galega escollerá o autor ou autora a quen dedicará a edición 2018 das Letras e vén de comezar unha campaña que solicita que a homenaxeada sexa unha muller. O colectivo Polo Correo do Vento impulsa a iniciativa, que busca “denunciar a inxustiza histórica do papel da muller na cultura e nos demais ámbitos da sociedade” e “dar a coñecer a mulleres que escribiron en lingua galega ou traballaron na defensa do idioma”. 

(…) lle remita a un dos académicos ou académicas da RAG cartas (pódese descargar aquí o modelo) demandando o recoñecemento para unha autora galega, (…).

A campaña busca tamén a mobilización nas redes sociais, empregando etiqueta #Proponunhamuller, e outras como #nonhaiescusa, #Xavaisendohoraunhamullerparao18, #Sonmoitasasmulleresepoucasasnomeadas, #esteanosi, #Temosmoitasescritorasedecalidade ou #proponunhamullerparao18.

Polo Correo do Vento fai unha primeira proposta de dez autoras que poderían ser merecedoras do recoñecemento, sinalando que na campaña se poderían engadir todas as que as persoas participantes queiran. As dez autoras propostas inicialmente son: Avelina Valladares, Belén Feliú, Clara Corral Aller, Filomena Dato, Luísa Villalta, María Tobío, Mª Victoria Moreno, Pura Vázquez, Xela Arias e Xosefa Iglesias Vilarelle.

resume das actividades do venres

Hoxe só un breve resume fotográfico das actividades do venres:

Papiroflexia:

Fixemos unha caixa bastante complicada, pero con paciencia e sen correr, conseguimos que quedaran ben. Aquí vai o paso a paso fotográfico (ollo, que hai que facer 4 pezas para construir a figura, é o que se chama origami modular).

Como é un pouco complicada, aquí van as instrucións, seguidas dun esquema fotográfico de apoio, para que poidades facela na casa:

1-3.- Partindo dun papel cadrado, dobraos á metade, abrimos e unha metade outra vez á metade.

4-6.- Abrimos e dobramos as 2 esquinas inferiores en triángulo ata a marca, a superior esquerda ata o vértice do inferior dereito e marcamos un triángulo coa úlima esquina (é dicie, vovémola abrir).

7-9.- Dobramos cara arriba a parte inferior pola súa marca, marcamos a metade en vertical (volvemos abrir) e dobramos en diagonal usando como guías as marcas do triángulo pequeno da dereita (marcamos forte ata a marca da dobrez vertical).

10-12.- Mantemos nesa posición e levantamos a parte esquerda e a superior, para obter unha esquina da caixa.

13-18.- Facemos do mesmo xeito CATRO esquinas (da mesma cor ou combinando varias) e unimos os módulosun a un.

19-21.- Ó colocar a última peza, comprobamos que os triángulos libres queden pola parte interior, e apretamos para que queden ben xuntiñas todas as pezas.

22-24.- Como así non queda moi asegurada, dámoslle volta á caixa e pola parte interior vemos que queda coma as aspas dun muíño; levantamos unha aspa e introducimos debaixo dela o pico da aspa anterior.

25-27.- Levantamos a seguinte aspa e introducimos o pico da anterior, ata que ó final queden cadrados. Xa temos rematada a caixa.

Levounos bastante tempo, pero para cada nova peza necesitabamos menos tempo porque colleramos práctica. Quedaron moi bonitas. Pola tarde os rapaces de Polo correo do vento, marcharon moi contentos coas dúas que lles regalamos.

O próximo día faremos outra (ou repasaremos esta). E seguiremos practicando a coller cousas cos palillos

Este primeiro día non se nos deron mal de todo…

Contacontos Polo correo do vento:

Pola tarde, chegaron Polo correo do vento Carlos e Quique, que nos trouxeron unha historia que involucra á Violeta a carteira bolboreta. Tratábase dun carballo no que vivía unha familia de esquíos e que enfermaba. Como a única solución parecía ser pedirlle axuda á gata bruxa Ágata, o esquío Uxío parte na súa busca nunha viaxe que dura case un ano. Pero ademais de atopar á bruxa e o remedio para o carballo enfermo, tamén atopa o amor.

Finalmente tocou a hora de ser todos artistas:

E ninguén perdeu detalle das instrucións para facer o retrato de Ágata a bruxa gata, que quedou moi favorecida en tódolos retratos.

Pola tarde en Currelos, foron as aventuras do Galo peiteado o que, seguindo os consellos da andoriña Mariquiña, despois de enviarlle unha carta a María, a pita, da que estaba namorado e á que non lle dixera o que sentía, emprende unhas viaxes ás agachadas para vela . Ó final fixemos tamén con instrucións o retrato da galiña.

Podedes coñecer ás personaxes destas histoiras (ademais de moitos lugares de Galicia, nos libros da colecciónchegaron Polo correo do vento. En vindeiros días teremos máis fotos no apartado de fotos do blog. Podedes visitar o blog de Polo correo do vento e tamén o seu Facebook.

Escollemos nome dos novos ratiños:

Estas son as propostas que eliximos (entre parénteses os votos recibidos):

-ratiño:Anxo (1), Anselmo (4), Honorato (4), Xerardo (7), Rodolfo (11).

-ratiña: Alexandra (5), Carola (6), Rosa (7), Lucía (8), Xaquina (9), Tareixa (11).

Tan pronto nos concedan a adopción saberemos se é Rodolfo ou Tareixa… Estamos á espera.

actividades deste venres

O venres 29, ademais das actividades especiais da tarde, pola mañá teremos o obradoiro de papiroflexia ás 12, tal e como anunciabamos nun post anterior. Lembramos que é tanto para adultos como para público infantil.

Pola tarde teremos ós autores da colección Polo correo do vento, con Violeta a carteira bolboreta, ás 5 en Escairón e ás 9 en Currelos. Por iso a biblioteca abrirá un pouco máis tarde do seu horario habitual de verán: ás 11 da mañá.

Volvendo ó tema das sorpresas que nos deparará este verán na biblioteca, aproveitade para coñecer mellor ás nosas mascotas (despois ó mellor hai que facer cola para pedirlles autógrafos).

contacontos polo correo do vento

Este verán imos adicalo ós animais viaxeiros. Temos varias sorpresas preparadas.

Empezaremos con Violeta a carteira bolboreta, da colección Polo correo do vento, que visitará as nosas bibliotecas o día 29 de xuño:

  • Ás 5 da tarde en Escairón (aínda que xa estamos con horario de verán, a actividade será no noso horario habitual de contacontos que se retomará a partir de setembro):
  • E ás 7 da tarde en Currelos:


Polo correo do vento é unha colección, preparada por Mau e Pin, dirixida a rapaces de seis anos en diante, concibida para inicialos no coñecemento da natureza galega e doutros temas relacionados coa nosa cultura e xeografía. Podedes visitar o blog de Polo correo do vento e tamén o seu Facebook.

Esta actividade ofrécese dentro do Programa Letras Vivas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, polo cal se cofinancian actividades de animación á lectura entre os Concellos e a Consellería.