virus e antivirus

Da mesma web que comentabamos este mércores, tomamos esta información que se refire ó tema que nos ocupa os venres: a informática.

Hai un artigo moi interesante que fala dos “virus”, máis ben refírese ao termo viral. E interésanos porque para iso estamos falando de previr ataques, roubo de información,…

As redes sociais ocupan arestora unha gran parte da nosa vida en internet: noticias e vídeos que se comparten, mensaxes, comentarios, convocatorias… A inmediatez e as posibilidades de interacción directa das persoas en rede, as plataformas adaptadas á telefonía móbil, […] permiten que calquera poida compartir información do que pensa ou do que nos arrodea e que esta poida chegar a un número determinado de persoas que a propagan para facela chegar a moitas máis. É este tipo de espallamento en rede, multiplicativo e, sobre todo veloz, ao que se denomina viral. Así, fálase dun fenómeno viral, de mercadotecnia viral ou de vídeos virais. […]

A reprodución característica dos virus deu lugar a outro sentido non médico, anterior ao das redes sociais: úsase para programas que infectan fontes de datos (como ordenadores) e que se reproducen (transmiten) axiña. Trátase dos famosos troianos e vermes. A difusión do correo electrónico e de internet permitiu que os computadores se contaxiasen rapidamente entre si, o cal favoreceu o nacemento e desenvolvemento dos programas antivirus.

Amplía esta información na web do Portal das Palabras.

o portal das palabras

Presentamos o Portal das Palabras, inaugurado en xuño, no que segundo indica a propia web, se pode facer unha navegación dobre:

  1. Por unha banda, desde a portada accédese directamente aos novos contidos publicados e navegando por eles, poderemos continuar descubrindo moitos máis.
  2. Por outra, mediante os botóns superiores de seccións, vaise a cada zona da web, onde veremos explicacións de cada apartado así como as súas utilidades, podendo así acceder á totalidade dos contidos que se leven publicados.

Conta tamén cun potente dicionario electrónico que inclúe un servizo de busca de sinónimos e antónimos. Que pode ser descargada para utilizar en dispositivos mobiles con sistemas operativos iOS e Android. Estas apps unha vez instaladas non precisan de conexión a internet para funcionar.

Este espazo de difusión do léxico e a lexicografía do galego é unha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié, coa finalidade de para aproximar os recursos léxicos da RAG á sociedade galega de hoxe.

Na web da Academia podemos ler que contén:

Xogos
Neste apartado o usuario da páxina pode medir e ampliar o seu coñecemento do noso léxico mediante unha serie de ferramentas interactivas que lle permiten verificar en tempo real as súas aptitudes lingüísticas.

Vídeos
Nesta sección ofrécese unha selección de pequenas pezas audiovisuais nas que membros numerarios da Academia e outras figuras da nosa cultura disertan sobre un aspecto lingüístico do seu interese.

Léxico
Dividida en tres categorías –A palabra do día, Mira que din e Setestrelo– este capítulo do Portal das Palabras achega información sobre cuestións lexicográficas de actualidade, hipóteses etimolóxicas e exemplos de uso.

Dicionario
Permite consultar tamén a nova versión en liña do Dicionario da Academia que permite facer buscas avanzadas e de sinónimos así como unha lectura máis directa e simplificada das súas entradas.

Certamente unha visita de interese e que recomendamos, pois cada día se atopan cousas novas, moitas delas interesantes.