que queres que compre a biblioteca?

carriño libros.jpg

Xa vos fomos avisando de que co premio María Moliner iades ser vós os que escollerades o que mercaremos para a biblioteca.

Compartimos convosco un formulario web para que nos digades que queredes que merquemos e por que queredes que o haxa na biblioteca.

Intentaremos facer caso a todas as suxestións presentadas, pero temos que adaptarnos a un presuposto, polo que é fundamental que nos digades por que é importante para vós que fagamos esa compra e como podemos avisarvos de que a fixemos.

Para facer caso das suxestións teremos en conta 2 criterios:

  • saber de que obra se trata: fundamental que nos indiquedes ademais do título, a autoría (hai obras de diferentes autores que comparten o mesmo título, polo que se non nos indicades autoría, sería posible que mercaramos unha obra que non é a que nos estades pedindo)
  • saber quen o pide: terán preferencia as suxestións de persoas socias da nosa biblioteca ou usuarias habituais do noso servizo de préstamo, polo que é importante que nos digades quen sodes e como contactarvos para avisarvos das adquisicións (o voso nome e un número de teléfono ou un correo electrónico de contacto)

Podedes compartir o formulario copiando o enderezo deste enlace ou compartindo este artigo do noso blog.

premio maría moliner 2018

Por 9ª vez recibimos recoñecemento nos premios ‘María Moliner’ de animación á lectura, pola PROGRAMACIÓN DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DO SAVIÑAO,

na que se inclúen as actividades programadas e desenvoltas ó longo de todo o ano na nosa biblioteca.

Nesta XIX edición, convocada polo Ministerio de Cultura y Deporte en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias, a Fundación Coca-Cola España e a Fundación Banco Santander, entre os 300 proxectos premiados, foron seleccionadas 14 bibliotecas galegas, entre as que hai só 3 bibliotecas de Lugo: O Saviñao, Sober e Xermade.

Como seleccionaremos desde a biblioteca directamente as adquisicións, convidámosvos a que vaiades pensando que queredes ler e nolo pidades para Nadal e para Reis: título, autor e editorial son os datos mínimos que precisamos. Ou se credes que sobre algunha temática concreta non temos materiais suficientes ou de claidade, indicádenos as vosas suxestións e analizarémolas.

Logotipo PFL

Coma sempre, non esquecemos felicitar ós usuarios pola súa colaboración e participación nas actividades. Tamén ás persoas e institucións que colaboran coas mesmas.

Podedes consultar a lista completa de premiados deste ano neste enlace.

Modificación:

A resolución definitiva da concesión dos premios publicouse o 11 de decembro, e pode consultarse neste enlace á web do Ministerio de Cultura y Deporte.

premio maría moliner

Este ano obtivemos por 8ª vez un novo recoñecemento nos premios ‘María Moliner’ de animación á lectura, á

PROGRAMACIÓN DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DO SAVIÑAO,

na que se inclúen as actividades programadas e desenvoltas ó longo de todo o ano na biblioteca.

Nesta decimooitava edición, convocada coma cada ano polo Ministerio de Cultura y Deporte en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España, foron seleccionadas 14 bibliotecas galegas, entre as que hai só 3 bibliotecas de Lugo: O Saviñao, Sober e Xermade.

O galardón deste ano presenta cambios con respecto ó doutros anos, e imos poder seleccionar desde a biblioteca todas as adquisicións, polo que podedes ir pensando que queredes ler na biblioteca e pedírnolo para Reis (necesitamos tempo para preparar o sistema). Xa vos explicaremos como o faremos en canto esteamos a funcionar ó 100% despois da nosa incorporación ó Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Ides poder interactura moito máis coa vosa biblioteca!

Logotipo PFL

Coma sempre, non queremos esqeucer agradecer ós usuarios a súa colaboración e participación nas actividades. Tamén ás persoas e institucións que colaboran coas mesmas.

premios María Moliner 2016

Acaban de ser fallados en Madrid os premios ‘María Moliner’ de animación á lectura, na súa decimosétima edición, e chegounos hai menos de media hora a notificación da resolución da “XVII Campaña María Moliner de Animación á Lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes”, que convoca anualmente o Ministerio de Cultura y Deporte en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España. Os 3 primeiros premios foron para: a biblioteca de Erro (Navarra), a biblioteca de Cabanillas del Campo (Guadalajara) e a biblioteca de Armilla (Granada).

Como xa vos temos comentado en campañas anteriores, estes premios recoñecen os mellores proxectos de animación á lectura desenvolvidos polas bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes de toda España.

De entre os 300 proxectos seleccionados a nivel nacional, foron recoñecidos os presentados por 22 bibliotecas galegas, entre as cales se atopa novamente, e por 7ª vez

A PROGRAMACIÓN DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DO SAVIÑAO,

na que se inclúen as actividades programadas e desenvoltas ó longo de todo o ano na biblioteca municipal.

Desde a Biblioteca queremos agradecervos a todos os asistentes ás actividades que organizamos a vosa participación e colaboración, posto que sen vós non tería sido posible concorrer a este certame. Así mesmo, animamos a quen aínda non o fixera, a participar e colaborar nas actividades que organizamos.

Xa vos avisaremos cando chegue o premio para que veñades remexer nel!

Foron premiadas tamén as bibliotecas de:

  • A Coruña: Ares, Bergondo, Carballo, Culleredo, Miño, Oleiros, Ortigueira, Rianxo, Sada;
  • Lugo: O Saviñao, Sober, Xermade;
  • Ourense: O Pereiro de Aguiar, Verín;
  • Pontevedra: O Grove, A Guarda, Moaña, Mos, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Vilagarcía de Arousa

Noraboa a todas!

Premios recibidos pola biblioteca:

As programacións presentadas pola Biblioteca Municipal do Saviñao recibiron nos anos 2007, 2008, 2010, 2011, 2012 e 2014 un dos premios ‘María Moliner’ de animación á lectura que conceden cada ano o Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España.
No ano 2009 non concorremos ó certame e nos anos 2013 e 2015 non se convocou, polo que levamos 7 convocatorias case consecutivas sendo premiados.

No ano 2008 (único ano no que se convocou) esta biblioteca recibiu un dos 50 premios Abril, mes dos libros que concedeu a Consellería de Cultura á programación do mes de abril.

Máis información en: http://rbgalicia.xunta.gal/gl/actualidade/avisos/xvii-campana-de-animacion-lectura-maria-moliner

chegou o premio maría moliner de 2012

A biblioteca acaba de recibir o lote de libros que conforman o premio ‘María Moliner’ de animación á lectura no que volveu recibir mención esta biblioteca na campaña do 2012.

Estes premios recoñecen os mellores proxectos de animación á lectura desenvolvidos polas bibliotecas de poboacións de menos de 50.000 habitantes de toda España que entregan cada ano o Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España.

Aínda que o lote tardou bastante en chegar, os socios da biblioteca non terán que agardar por eles: só teñen que escoller o que queren ler e en 5 minutos poderán marchar con el para a casa!

a biblioteca de celebración múltiple

Acabo de darme conta de que non se subiu o artigo preparado para o Día do Libro, no que vos anunciabamos que ademais a biblioteca fora galardoada cun novo premio.

Aproveitamos a ocasión para avisar de que recolleremos os traballos presentados ó Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas 2013 ata o xoves ás 12.00. O fallo darase a coñecer pola tarde.

A continuación reproducimos o artigo que se perdeu entre bits. Pedimos desculpas.


Hoxe ademais de celebrar o Día do Libro e do Dereito de Autor (instaurado pola UNESCO desde hai case 20 anos) cunha excursión, comunicámoslles ós nosos usuarios, que a biblioteca volveu resultar recoñecida cun dos 300 galardóns a nivel estatal na XV Campaña María Moliner de Animación á Lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes, que convoca anualmente o Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España.

[Ver nota de prensa do Ministerio de Cultura]

Feliz Día do Libro!

Reproducimos aquí a mensaxe da Directora Xeneral da UNESCO, Irina Bokova, con ocasión desta celebración:

O 23 de abril, desde fai 17 anos, a UNESCO celebra o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. En todo o mundo, os Estados Membros da UNESCO celebran o poder de convocatoria do libro, que transmite a cultura dos pobos e os seus soños dun futuro mellor

Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre a mellor maneira de difundir a cultura escrita e de permitir que todas as persoas, homes, mulleres e nenos, accedan a ela, mediante a aprendizaxe da lectura e o apoio ó oficio da edición, as librarías, as bibliotecas e as escolas. Os libros son os nosos aliados para difundir a educación, a ciencia, a cultura e a información en todo o mundo.

A cidade de Bangkok foi designada “Capital Mundial do Libro 2013”, en recoñecemento do seu programa orientado a desenvolver a lectura entre os xoves e os sectores desfavorecidos da poboación. Este exemplo é unha fonte de inspiración na nosa labor colectiva en defensa da diversidade editorial, a protección da propiedade intelectual e o acceso en condicións de igualdade á riqueza dos libros. A UNESCO participa nesa labor no espíritu da Convención sobre a Protección e Promoción da Diversidade das Expresións Culturais, co conxunto dos seus asociados, entre os que se atopan a Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas.

Este día sérvenos tamén para reflexionar sobre as transformacións que experimentou o libro a longo prazo e sobre os valores inmateriais polos que debemos guiarnos. O libro dixital ofrece novas oportunidades de acceso ós coñecementos, cun custo reducido, en ámbitos moi amplos. O libro tradicional segue sendo unha tecnoloxía poderosa, que non sofre averías, que podemos levar connosco e que resiste a proba do tempo. O libro, en cada unha das súas formas, é un instrumento precioso que contribúe á educación e a difundir a cultura e a información. A diversidade de libros e de contidos é unha fonte de enriquecemento que debemos facer efectiva mediante políticas públicas adaptadas, loitando contra a uniformización cultural. Esta bibliodiversidade é a nosa riqueza común, que fai do libro mmoito máis que un obxecto puramente material, a saber, a máis bela invención do ser humano para o intercambio de ideas máis alá das fronteiras do espazo e do tempo.

Irina Bokova

Non esquezades que o venres teremos no contacontos a:


O contacontos do ratiño presumido foi cambiado de data, pero ese venres tivemos sesión de contacontos igualmente.

cambio de actividade

Mañá haberá ás 5 da tarde sesión de contacontos de fin de mes, pero por causas alleas á nosa vontade, a actuación de Trinketrinke prevista para mañá, cambiarase para o vindeiro venres, día 3 de maio á mesma hora.

Como anunciamos o martes durante a visita guiada co Clube de Lectura Pintor de Castinande da Biblioteca de Sober, a nosa biblioteca volveu resultar recoñecida cun dos 300 galardóns a nivel estatal na XV Campaña María Moliner de Animación á Lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes, que convoca anualmente o Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España. (Non puidemos publicar o post previsto para ese día).

[Ver nota de prensa do Ministerio de Cultura]

Novamente agradecemos ós nosos usuarios a súa colaboración para que sexa posible seguir traballando e colleitando estes recoñecementos tamén pola súa participación nas actividades que desenvolvemos.

premios ‘María Moliner’ 2011

Acaba de darse a coñecer a resolución da “XIV Campaña María Moliner de Animación á Lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes, que convoca anualmente o Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola España.

Estes premios, que recoñecen os mellores proxectos de animación á lectura desenvolvidos polas bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes de toda España, recaeron este ano nas seguintes bibliotecas: Tuéjar (Valencia), Pozoblanco (Córdoba) e Oleiros (A Coruña)

De entre os 300 proxectos seleccionados este ano a nivel nacional , foron recoñecidos os presentados por 27 bibliotecas galegas, entre as cales se atopa novamente, e por 4ª vez

A PROGRAMACIÓN DAS
BIBLIOTECAS DO CONCELLO DO SAVIÑAO
,

na que se inclúen as actividades desenvoltas nos dous centros bibliotecarios do concello. Desde a Axencia de Lectura de Currelos e a Biblioteca de Escairón, queremos agradecer a todos os asistentes ás actividades que organizamos. a súa participación e colaboración, posto que sen eles non tería sido posible concorrer a este certame. Así mesmo, animamos a quen aínda non o fixera, a participar e colaborar nas actividades que se organizan.

Pódese consultar a lista oficial de bibliotecas premiadas, e tamén o listado das campañas anteriores.

somos referente para outras bibliotecas

Non somos esta biblioteca, a de Conan the librarian (Conan o bibliotecario):

A biblioteca do Saviñao está sendo tomada como referente por outras bibliotecas galegas, e algunha tamén de fóra da comunidade autónoma, en canto ás actividades que realiza, moitas das cales se fan cun mínimo presuposto. As súas actividades formativas tamén suscitan interese noutras bibliotecas, recibindo consultas sobre a organización desas actividades, sobre todo das relacionadas coa formación en novas tecnoloxías. O seu programa de actividades, que vai desde a animación infantil ata a formación de adultos, leva dous anos recibindo mención nos premios María Moliner de animación á lectura. É unha satisfacción moi grande poder ofrecerlles ós usuarios uns servizos mellorados grazas á súa colaboración en tódalas actividades que se organizan, pero tamén á colaboración con outras entidades que colaboran connosco para poder facer estas actividades. A colaboración esténdese tamén a outras bibliotecas coas que facemos actividades en común ou intercambiamos guías de actividades e obradoiros, pero tamén apoio técnico e moral entre compañeiros. Moitas veces este traballo non o ven os usuarios, pero repercute na mellora constante dos servizos que lles ofrecemos. Ás veces tamén nós, bibliotecarios, nos pelexamos coa técnica que se pón en contra e nos dificulta atendelos como merecen (os nosos ordenadores tamén se “colgan”, internet necesita que lle deamos “pedal” porque non anda, …). Somos humanos, e por se algún día nos pillan de “baixón” ou de “garras”, pedirlles paciencia e comprensión. Eu polo menos, intento afastarme millas do primeiro modelo de bibliotecarios e aproximarme o máis posible ó segundo.