biblio verán en galicia

21 bibliotecas municipais galegas convidámovos a descubrir #BiblioVeránEnGalicia.
Compartindo con vós as nosas recomendacións de lectura para animarvos a coñecer o noso entorno máis próximo con recunchos de lectura, paisaxes, tradicións, gastronomía, arte, historia, lendas e moito máis que a terra galega nos pode ofrecer.
Bo verán!
Podedes velos todos no seguinte vídeo:

visita sorpresa

Este luns, viñeron de visita polo Saviñao escolares dos colexios da Pobra do Brollón e de Sober. Na súa parada en Escairón, preguntaron se podían visitar a biblioteca, e como aquí recibimos a todas as visitas cos brazos abertos, convidámolos a pasarse polas nosas instalacións

visita-sober-pobra-01

Dado o escaso tempo que durou o percorrido, só fixemos a visita á sala de informática na que resumimos brevemente o motivo da súa visita: A Ribeira Sacra, o seu significado e os elementos máis definitorios deste territorio:

  • as xentes e a viticultura heroica,
  • arte románica e cultura,
  • paisaxe, flora e fauna
  • o río (no noso caso, o Miño)

Rematado o percorrido virtual polo territorio, visitamos a vila: desde o balcón da biblioteca vimos a casa de Balbina López Somoza e, desde a praza, o edificio no que se ubicou a súa farmacia.

Non houbo tempo para máis, así que quedaron convidados a volver outro día para coñecer máis cousas.

circular con seguridade

Mañá comeza un novo mes deste verán, e con el aumentará o número de desprazamentos con motivo das vacacións. Coincidindo con este aumento, queremos pedir que se circule con seguridade (non só durante o verán ou vacacións, pero é un momento tan bo coma calquera outro para concienciarnos un pouco máis), e queremos compartir cos nosos usuarios unha campaña que atopamos na rede, porque nos parece unha campaña interesante para compartila con eles, e incluso propoñemos que se faga algo similar aquí.

Trátase dunha campaña na que se usaron coches sinistrados por incumplir algunha norma de circulación. Sobre o vehículo pegouse un sinal similar ós de circulación, que permite deducir cal foi a causa do accidente: exceso de velodidade, superar a taxa de alcoholemia, etc. Con esta campaña logrouse reducir o número e sobre todo a gravidade dos accidentes nunha vía arxentina de alta sinistralidade.

Pedimos unha maior concienciación coa seguridade viaria, e que se extremen as precaucións sobre todo nos momentos en que se incrementa a circulación por estrada: hora punta, fins de semana, festivos, pontes, vacacións e confluencia de varios deles xuntos.

E este outro que analiza o desenvolvemento do programa:

que facer este verán [1]

Á marxe dos libros que poidamos recomendar para entreter as tardes deste verán, este ano recomendamos aproveitar o caudal do embalse de Belesar en mínimos históricos (está a menos do 5% do seu caudal), para facer turismo “arqueolóxico subacuático ó aire libre“.

Podemos ver as ruínas de diversos pobos, ribeiras e vías que quedaron asolagados pola auga ó encherse o embalse de Belesar polos anos ’60.

Recomendacións imprescindibles para facer estas rutas, só 2 que son imprescindibles:

  • Precaución: para evitar accidentes é recomendable levar roupa e calzado adecuados para camiñar por terreos quebrados (pedras soltas e zonas fangosas) e non achegarse moito ó río pois pode resultar moi perigoso porque o fango ademais de esvaradizo, ó afundir nel nas proximidades da auga fai moi difícil saír del aínda con axuda. Se se leva cámara de fotos ou de vídeo, convén non esquecer esta recomendación de mirar e comprobar ben por onde se pisa (evitando saltar).Se fai calor, como fixo estes días atrás, é tamén importante levar auga en abundancia para evitar a deshidratación, pois hai que andar moitos tramos a pé.
  • Respeto: polos monumentos de cultura popular e etnográfica que chegaron a nós conservados pola auga do Pai Miño (aínda se poden ver adegas, barcas, muras, fornos, muíños, igrexas, etc en perfecto estado de conservación) para que se poida volver gozar da súa visión no futuro cando volvan baixar as augas a este nivel. Respeto que se manifesta tamén no saber do por que iso está ahí, como se fixo o traslado forzoso da xente, etc. pois iso forma tamén parte da nosa historia. E desde logo, non esquilmar as ruínas vexetais (cepas, carballos, castiñeiros, sobreiras, etc.) nin, por suposto, as patrimoniais.

FOTOS:

Castro de Candaz (Chantada) visto desde Ribas do Miño (O Saviñao)

Ribeiras de Ribas do Miño (O Saviñao) vistas desde o Castro de Candaz (Chantada)

Ponte entre os concellos do Saviñao e Taboada. Desde ela pode verse a vella ponte que unía os concellos e que queda asolagada polo embalse de Belesar.

A ponte que quedou asolagada aínda podería ser usada hoxe para circular por ela…

No pobo de Mourulle, asolagado polo embalse, poden verse os restos dun convento, da igrexa, un pozo, etc. se na visita coincidimos cun lugareño, pode contarnos a historia do lugar.

patrimonio cultural danado

O día 30 de decembro sorprendía a moitos (pero non a todos) o derrumbamento da fachada do pazo episcopal de Diomondi, edificio que sufrira hai uns poucos anos unha actuación importante para substituir o seu tellado que presentaba un pésimo estado de conservación o mesmo que o interior. Interior, que xunto coa fachada abombada non foron tocados durante esa actuación.

A igrexa, que forma parte do conxunto foi recoñecida como Monumento Nacional (xunto coa de Santo Estevo de Ribas de Miño) nun decreto do 3 de xuño de 1931. Esperemos que ningún destes monumentos corra a mesma sorte que o pazo, xa que ambas fachadas presentan gretas e abombamentos.

A causa principal da caída foi o mal estado do muro da fachada (de máis dun metro de grosor), axudado polas inxentes cantidades de choiva caída durante os últimos días de decembro.

Choivas, que no que vai deste ano 2011, nos regalaron imaxes interesantes de regatos desbordados, ríos lodos pola cantidade de torrentes xurdidos onde antes só había pequenos regos secos a maior parte do ano, estradas e carreiros convertidos en curiosos ríos por uns días.

Incluímos a continuación varias imaxes que destacan as sorprendentes imaxes que nos regalaron estas breves vacacións de Nadal.

A forza da auga “trasplantou” esta árbore ó asfalto.

Varios desprendementos ocasionados pola gran cantidade de auga caída (estes dous, son pola estrada de Belesar-Acoba).

A cantidade de choiva, ocasionou que xurdiran manantiais onde non os había e que pequenos regos se convertisen en auténticos torrentes, regatos que, enfurecidos pola forza da auga, moven muíños, e ó chegar ó Miño, enturbian as súas augas. (fotos de Freán, Belesar e Acoba, vídeo de Pesqueiras)

visita do Clube de Lectura da biblioteca de Sober

A pesar da mañá tan chuviosa, pola tarde, á parte do frío, fixo un día excelente para as actividades ó aire libre.

Comezamos a visita puntuais ás 4.30 no Pazo de Arxeriz, para ver o ecomuseo e o seu entorno.

Ás 6.20 en Escairón, desfrutamos á beira da Debesa con risas dalgunha lectura de todos coñecida (o famoso “-No es verdad, ángel de amor, que en esta apartada orilla…?”), vimos cómics clásicos e actuais, audiolibros, libros para practicar idiomas, libros “de campo” como guías de rutas a pé ou en bicicleta, guías de prantas, … E levamos de recordo algún libro para practicar a lectura en calquera lugar.

Chegamos a Santo Estevo de Ribas de Miño ás 7.30, unha hora moi xeitosa para desfrutar das cores coas que o seu famoso rosetón ilumina o interior, e da vista panorámica que hai do encoro de Belesar desde a ruta de acceso á igrexa.

última xornada de lecturas ó aire libre

O día 30 rematan as lecturas ó aire libre deste mes dos libros, cunha actividade especial.

Para esta ocasión, a biblioteca municipal de Sober (como colofón ás actividades en torno ó último libro lido no Clube de Lectura) e a biblioteca municipal do Saviñao (como despedida das actividades do mes de abril), organizaron unha visita cultural polo concello do Saviñao para o Clube de Lectura da Biblioteca Municipal de Sober.
Será mañá, mércores 30 de abril.

  • A visita comezará no ecomuseo de Arxeriz aproximadamente ás 4.30.
  • Continúa coa visita á vila de Escairón para participar na sesión de lecturas ó aire libre na Debesa de Escairón ó redor das 6 (trasladarase ó fogar do pensionista ou ós soportais do concello por choiva). Como se anuncia mal tempo haberá chocolate con pastiñas para combater o frío.

Máis información: igrexas románicas do Saviñao, portas monacais, Santo Estevo de Ribas de Miño, Concello do Saviñao, Concello de Sober.