xogo e creatividade

Uns 35 alumnos de Secundaria do CPI Dr. López Suárez celebraron o Día das Letras Galegas na Biblioteca Municipal do Saviñao, participando na actividade O Gran Xogo das Letras Galegas.

Tan pronto chegaron á biblioteca, foron clasificados aleatoriamente en 4 equipos: Equipo Antón Fraguas (Día das Letras Galegas 2019), Equipo Rosalía de Castro (Día das Letras Galegas 1963), Equipo Castelao (Día das Letras Galegas 1964), Equipo María Mariño (Día das Letras Galegas 2007)

os 4 equipos

Ó longo de toda a actividade competiron entre eles para demostrar quen sabía máis sobre as Letras Galegas, sobre Antón Fraguas ou quen tiña máis talento para a mímica ou a maior creatividade coa redacción de varios relatos.

IMG_20190515_175736

O resultado da primeira proba de creatividade escrita, na que tiñan que usar estas cinco palabras: tormenta, ordenador, libro, can, peido, é este:

O peido final

Era un día de tormenta, eu estaba escribindo na miña vella libreta, herdada do meu avó, Antón Fraguas. O meu soño de escribir o meu primeiro libro estaba preto; chegaría antes a el escribindo a ordenador, pero, se non, perdería a esencia dos meus antepasados.

Ía tratar sobre as aventuras do meu can, e comezaba co seu derradeiro peido antes de morrer. Despois del, o meu canciño…

A tormenta

Era unha tarde de tormenta e eu estaba co ordenador e estropeouse. Fun xogar co can e demos un paseo pola aldea, cruceime cun home que botou un peido e marchei ler un libro.

A que cheira?

Un día, Castelao viu un can que cagou un peido coma unha tormenta e quedóuselle a cabeza coma un ordenador do susto. Asustouse e berrou “pu** can!” e deulle á cabeza para escribir Cans por palabras, un libro que triunfou dunha forma inesperada, polo cal ó can adicanlle as Letras Galegas.

[Sen título]

O día anterior ó 17 de maio, Día das Letras Galegas, oito alumnos de segundo, terceiro e cuarto dispoñíanse a facer un traballo sobre Rosalía de Castro aínda qeu ese ano non se lle adicaba a ela. Pero, de súpeto, unha tormenta comezou e o ordenador deixou de funcionar, polo que os rapaces tiveron que recorrer ós libros da Biblioteca Municipal.

Cando se dispuñan a entrar, encontráronse a un can na porta. Entón Arturo tivo a gran idea de tirarse un peido, e logrou espantar ó can. Deste xeito, os alumnos conseguiron realizar o seu traballo.

O resultado da segunda proba de creatividade escrita, na que tiñan que darlle a volta a un conto clásico, A Cincenta, é este:

Ceniciento, a historia xamais contada

Este era un rapaz qeu vivía coa súa madrasta e as fillas desta.

Escravizábano, non deixaba de traballar e non o deixaban en paz porque eran homófobas e burlábanse da orientación sexual do rapaz.

Un día doi ó baile grazas á maxia da súa fada madriña. Levaba un traxe branco que destacaba entre a multitude. O príncipe non podía apartar a mirada del. Mentres bailaban xuntos, soaron as campás que marcaban a fin do feitizo de Ceniciento. Pero ao esquecer un zapato, o príncipe buscouno por toda a aldea, atopándoo e sendo felices no castelo.

Ceniciento

Perdeu a súa bota de fútbol mentres escapaba do baile do príncipe.

Días despois o príncipe azul chegou á súa casa a probarlle a bota e servíalle á perfección. Nese intre decátase de qeu o príncipe era Castelao. Namoráronse perdidamente un do outro e non puideron casar por culpa do réxime franquista.

A garavata

A fada madriña regaloulle un Ferrari e un traxe azul ceo para conquistar o príncipe do reino. Ao chegar, bailou con el. Ás doce cando marchaba caulle a garavata. O príncipe buscouno, pero como unha garavata lle serve a calquera, nunca se soubo de quen era.

Cambiaría a historia?

Ceniciento, chegadas as doce da noite, tiña que marchar xa que, se non, a súa carroza se convertería nunha cabaza. Sae correndo da festa na que se estaba a ver co seu príncipe e, coas présas, perdeu un zapato, que ao día seguinte o seu namorado lle devolvería. E tras esto, triunfaría o amor.

Trátase de 8 relatos que, para ser elaborados en menos de 5 minutos cada un, e en equipo, están moi ben; algúns deles incluso contaban con ilustracións!

NORABOA pola vosa creatividade!

o gran xogo das letras galegas

Para celebrar o Día das Letras Galegas, ademais de convidar ó alumnado dos centros escolares do concello a participar no Certame de Narración e Debuxo das Letras Galegas 2019, que este ano tén como lema “A revolución do Cambio Climático”, a Biblioteca Municipal do Saviñao convida ó alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO o vindeiro día 15 a unha actividade moi especial sobre o homenaxeado deste ano: Antón Fraguas.

Gran Xogo das letras galegas 2019-15 de maio O Saviñao_pq

Trátase da actividade O Gran xogo das Letras Galegas, a cargo da empresa Eduvía (Vías para a Educación), no que, a través dun divertido xogo por equipos, os/as participantes coñecerán algo máis sobre a orixe e significación do Día das Letras Galegas, e os autores e autoras homenaxeados ata o momento, ao tempo que descubrirán interesantes datos sobre a vida e obra de Antón Fraguas homenaxeado deste ano e a súa relación co Saviñao.

Mámoas do Saviñao. A anta de Abuime e a necrópole do Monte da Morá_Letras Galegas 2019

Os autores deste traballo, pola orde na que aparecen nomeados nesta obra:

autores López, Fraguas, Lorenzana

Antón Fraguas tamén colaborou no Circular polo Saviñao conmemorativo do 40 aniversario do Círculo Cultural Recreativo Saviñao cun artigo sobre As festas populares, que pode consultarse na biblioteca.

6903

día da biblioteca-noite na biblioteca 2017 (resume)

Día 20 de outubro de 2017 das 10 da mañá ata a medianoite, na biblioteca de Escairón

O día 24 celébrase o Día da Biblioteca, e na biblioteca, debido ó éxito acadado en anteriores edicións (esta é a cuarta), decidimos adiantar a celebración ó venres e non pechar en todo o día. Así tivemos actividades de moi diverso contido, empezando con visitas escolares ó longo de toda a mañá e non rematando ata a medianoite.

Ás 10:00 chegou o primeiro dos grupos escolares (4º, 5º e 6º de Infantil do colexio de Escairón) e ás 11:15 chegou o grupo da Escola Infantil Municipal,  que viñeron coñecer a biblioteca e que se entretiveron e divertiron cos contos prohibidos Hola, cartero, Pezzettino ou Soy el más guapo.

Ás 12:00 chegaron os alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria e ás 12:45 os de 4º, 5º e 6º de Primaria, que despois de repasar o aprendido sobre O Saviñao na visita do ano pasado (fixemos exame e non se libraron tampouco os profes, que xa están avisados para a próxima), continuaron vendo como é que un libro pasa a formar parte do fondo da biblioteca e se pón a disposición do público: como lle poñemos o identificador de código de barras para facer o empréstito no novo Sistema de Xestión Bibliotecaria. Por grupos, identificamos e etiquetamos varios libros da sección xuvenil, que xa están colocados onde lles corresponde. Ademais aproveitamos para recordar que había máis actividades pola tarde.

De 14:00 a 17:00 reservamos tempo para as visitas guiadas á biblioteca.

Ás 17:00 a nosa primeira sesión “oficial” de Contos Prohibidos da tarde, na que cada quen mirou e remirou os títulos que temos dispoñibles.

Ás 18:30 (despois da merenda) coñecemos A superavoa de Antón da Organización Meu Rei (que colabora coa Fundación Meniños de Galicia)(a partir de 3 anos e público familiar), que rematamos cun obradoiro artístico. Un breve resumo é este:

Día da Biblioteca 2017b

Toda a tarde estivo chea de contos, moitos deles que foron prohibidos. No obradoiro d’A superavoa de Antón, creamos unha chea de personaxes en pedra entre a hora da merenda e a da cea!

Ás 19:30 a segunda sesión sesión “oficial” de Contos Prohibidos durante a que vimos novamente Hola, cartero, Orellas de bolboreta, e outros varios que representamos por grupos: Pezzettino (en italiano), Mi perrito quiere bailar ballet, ou Soy el más guapo.

Ás 20:30 Xogos por equipos e unha apetitosa cea para que a fame non acabara coas ganas de diversión.

Ás 22:00 vimos que As cousas pequenas contan (do repertorio do programa Ler conta moito). Con el soubemos que calquera obxecto nos pode servir para crear personaxes e inventar historias. Coas historias inventadas durante o obradoiro fixemos un precioso conto!

A partir das 23:00 relaxámonos con música e baile, e non faltou o karaoke!

Día da Biblioteca 2017c.jpg

As cousas pequenas contan leváronnos a inventar personaxes e historias, coas que se fixo un libriño que podedes atopar na biblioteca. Rematamos con baile e karaoke.

A medianoite despedímonos con poucas ganas de marchar para a casa.

Esperamos que o pasarades moi ben e que sigades con ganas de visitar a vosa biblio. Nós xa estamos pensando a ver como o celebramos o ano que vén.

Agradecemos de corazón a participación nas actividades e alegrámonos de que o pasarades tan ben que non quixerades marchar para a casa.

Podedes ver o que publicamos tamén no bog Ler conta moito sobre as actividades do Día da Biblioteca.

Iremos publicando máis fotos (visitas escolares, obradoiros, …)

día da biblioteca-noite na biblioteca 2016

cartel-2-baja_pq

O día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca.

Despois do éxito acadado nas edicións de 2014 e 2015, na biblioteca de Escairón celebraremos o Día da Biblioteca – Noite na Biblioteca o venres día 21 das 10 da mañá ás 12 da noite.

Abrimos igual que calquera outro día ás 10 da mañá pero teremos actividades todo o día sen interrupción ata a medianoite: visitas guiadas, xogos, concurso, merenda, contacontos, experimentos, titiricleta, obradoiros variados,… Un feixe de actividades para todos os gustos.

Este ano, ademais, como novidade, ó longo do día iremos enchendo unha cápsula do tempo para abrir o próximo Día da Biblioteca que coincida a venres: o 24 de outubro de 2025! Se queredes deixar algo para o recordo, traédeo á biblioteca ese día e introducirémolo dentro para non  volvelo ver ata dentro de 9 anos. O recomendable é que sexa un obxecto non demasiado grande para que caiban varios dentro da cápsula.

cartaz-final3.PNG

Xa sabedes o que vos decimos sempre: convén que vos inscribades en todas as actividades nas que queredes participar para ter materiais suficientes. Para a actividade A ciencia é divertida e o Obradoiro Fibonacci faranse 2 grupos: un de 2 a 4 anos e outro a partir dos 5 anos. Os grupos serán rotatorios para que tod@s poidan participar neles. Por eso é imprescindible que vos inscribades con antelación.

Calquera dúbida, podedes consultala na biblioteca ou chamando por teléfono.

(A actividades e horarios están suxeitos aínda a modificacións organizativas)

día da biblioteca-noite na biblioteca 2015

Día 23 de outubro de 2015 das 10 da mañá á 12 e media da noite, na biblioteca de Escairón

O día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Despois do exito acadado na edición de 2014, decidimos celebrar o Día da Biblioteca cunha noite na biblioteca, festa que adiantamos ó venres porque os sábados non abrimos.

Abrimos igual que calquera outro día ás 10 da mañá, e, collendo aire, preparámonos para aguantar ata a ben pasada a medianoite. Este ano ampliamos aínda máis o repertorio de actividades, empezando coas visitas escolares durante toda a mañá.

Ás 10:15 chegou o primeiro dos 3 grupos de alumnos de infantil e primaria do colexio de Escairón que viñeron coñecer mellor a biblioteca como espello ou retrato do que é o noso concello. Este ano visitaron a biblioteca todos os aumnos de infantil e de primaria (máis de 110 alumnos e 9 profesores e profesoras), e aproveitamos para explicarlles os pasos que segue un libro antes de formar parte do noso fondo cunha práctica de rexistro dun libro (que xa están na selección de novidades do catálogo da biblioteca, e nuns días terán un artigo propio no noso blog. Ademais aproveitamos para invitalos a participar nas actividades da tarde.

visitas escolares

Distintos momentos das visitas escolares á biblioteca

Tantas foron as ganas, que xa ó saír do cole, algúns quixeron vir para biblioteca aproveitando que non estaba pechada á hora do xantar.

actividades de Xapón

Actividades de Xapón: uso do soroban e origami

Ás 17:00 seguiron as actividades con Xapón e origami, obradoiro de cociña ás 18:00 e merenda.

obradoiro de cociña

O resultado do obradoiro de cociña, que degustamos durante a merenda

merenda

Durante a merenda demos boa conta dos pratos elaborados no oobradoiro de cociña

Ás 19:00 antes da sesión de Contos do mundo, unha viaxe polo mundo a través dos contos a América Central da man de Solidariedade Internacional de Galicia ás 20:00 (do programa Ler conta moito). Durante esta sesión acabamos descubrindo que o animal máis perigoso de América central nada tan grande coma un felino ou unha serpe, senon un animaliño minúsculo: un mosquito! Sorprendémonos con alguna das historias desa zona do planeta que localizamos nun globo terráqueo.

Contos do mundo

Escoitamos atentamente os Contos do mundo, para facer unha viaxe polo mundo a través dos contos a América Central da man de Solidariedade Internacional de Galicia

Ás 21:00 logo dun pequeño tapeo para que a fame non acabara coas ganas de festa, aproveitamos a enerxía recén acumulada para unha sesión de xogos e obradoiros: xogamos ás cadeiras colaborativas (a solicitude popular por aclamación e porque o ano pasado gustaron tanto, tanto que quixeron repetir), construír un pequeno conto pop-up d’Os tres porquiños e o lobo, xogar cunha lámpada de plasma e un pequeño truco/experimento científico.

xogo das cadeiras colaborativas

Non houbo maneira de convencer ó público de que este ano non ía haber xogo das cadeiras colaborativas, que tanto gustou o ano pasado que houbo que repetilo por petición popular

conto popup

Elaboramos un conto de tipo pop-up da historia Os tres porquiños

Vimos e xogamos cunha lámpara de plasma. Gustounos vela na escuridade (había que aproveitar que era de noite) e ver como saltaban os raios no seu interior

Vimos e xogamos cunha lámpara de plasma. Gustounos vela na escuridade (había que aproveitar que era de noite) e ver como saltaban os raios no seu interior

Ás 22:00 descansamos de exercicio coa sesión amenizada  por Eduvía, Imos xogar con Filgueira Valverde (do programa Ler conta moito), un  xogo con preguntas e probas, para o que se sortearon os  equipos contando cada un cunha madriña adulta (porque non se presentaron padriños). Moitas risas e diversión, desde logo. E claro, o reparto do premio foi moi ben acollido porque os e as participantes eran amantes das lambonadas.

Imos xogar con Filgeira Valverde

Con Eduvía, xogamos con Filgueira Valverde e aprendemos moito sobre este autor, rimos un montón e pasámolo moi ben

Ás 23:30 (máis tarde do previsto porque o xogo estaba moi entretido e o tempo pasou voando) continuamos cun obradoiro de manualidade científica e cun obradoiro poético guiado pola escritora Rhodea Blasón ás 00:00.

obradoiro con Rhodea Blasón

Con Rhodea Blasón traballamos a arte poética escribindo varios anagramas coas letras E S C A I R O N. Os resultados, preciosos.

filtros

Fixemos un experimento científico para ver como se descompoñen as cores

En resumo, un exitazo. E, igual que pasou o ano pasado, rematamos máis tarde do previsto porque ninguén quería marchar. Ata houbo quen propuxo quedar a durmir na biblioteca, pero como esqueceran traer saco de durmir, tiveron que ir durmir á casa.

Xa veremos que pasa o ano que vén.

Agradecemos de corazón a participación nas actividades e o magnífico comportamento demostrado durante TODO o día.

Podedes ver o que publicamos tamén no bog Ler conta moito sobre as actividades do Día da Biblioteca.

xogos educativos: matemáticas

En varios posts anteriores da sección de informática xa vos recomendamos algunha vez a web Vedoque, na que podemos atopar un feixe de recursos educativos, entre os que hai xogos tanto de ocio coma educativos (de idiomas, historia, xeografía, matemáticas,…).

Hoxe imos falar dun para entrenar as matemáticas. Aínda que non chega ó nivel de integrais ou ecuacións de 3º grado (posto que a web está orientada principalmente para os niveis de infantil e primaria), serviranos de reto para repasar as táboas de multiplicar. Sobre todo esa táboa á que todos lle collemos mal o ritmo: a do 7… ou era a do 8? Ah non, era a do 6… ou a do … Cal é a que non conseguiches dominar? Esa será a que máis che doerá non dominar, xusto esa.

Pantalla de inicio do xogo Liberad a Ergit

Pantalla de inicio do xogo Liberad a Ergit
[para xogar pulsa na pantalla do xogo]

O plantexamento do xogo é que Ergit (o vedoque protagonista) foi capturado non sabemos por quen, pero certamente uns cracks das mates. Para fuxir deberá pasar por varias probas para as que precisará da nosa axuda: abrir un candado cunha combinación numérica (multiplica, multiplica), cruzar unha estrada coidando de non ser atropelado para subir a un monopatín (multiplica, multiplica, pertencente á familia dos múltiplos dun número), atravesar un río (multiplica, multiplica) e escalar unha montaña (multiplica, multiplica).

Algunhas etapas da fuxida son máis complicadas ca outroa (xa sabedes, esa táboa que sempre se nos resistiu), pero de seguro que repasamos as táboas de multiplicar con ganas.

Ata podemos competir para ver a que membro da familia ou do grupo de amigos lle leva menos tempo chegar ó final. Ademais, como cada vez van cambiando os números, non hai trucos para “saltar pantalla”.

naceu dun libro

Hai veces, nas que un libro, ou máis ben a historia que nel se conta, salta das súas páxinas á gran pantalla, ou ás varandas dunha ponte, ou a un xogo de rol, ou a outro tipo de xogos. É o caso do clásico de Herman Melville, Moby Dick.

Acaba de saír un xogo de cartas, que invita ós xogadores a “experimentar as marabillas e horrores da caza de baleas no século XIX e interactuar con algunha das máis grandes personaxes da literatura norteamericana”.

En Moby Dick, os xogadores viven a viaxe de Pequod, o barco baleeiro da novela de Melville. O obxectivo do xogo é cazar baleas, pero cantos misterios agardan no mar? Coa caza de baleas, os xogadores conseguen aceite, traballan na reunión da tripulación, cooperan entre eles, etc. para minimizar os riscos da viaxe. A moeda de cambio constitúea o petróleo. Pero, paga a pena todo isto á hora de atopar cara á cara ó leviatán branco? Chegado este momento de persicución final só un xogador terá dereito a declarar “Chamádeme Ismael”.

Este xogo foi desenvolvido vía crowdfounding (conseguindo microfinanciación colectiva), nesta páxina de Kickstarter,constituindo un verdadeiro éxito, xa que dos 25.000 dólares que se precisaban de partida para poder financiar o xogo, acadaron máis de 70.000.

Máis información en Kickstarter do proxecto.

Está de máis dicir que o podes atopar na biblioteca.

xoves de comadres 2012

Onte celebramos o xoves de comadres nunha fresca e soleada tarde.

Chegamos e anotámonos ordenadamente para participar nos xogos: o xogo das sillas e carreiras de globos para os máis pequenos, e ximcana e pinchar globos para os máis grandes. Con tanta carreira, imposible pasar frío.

Ó colocarnos ordenadamente para as inscricións, puidemos comezar pronto cos xogos, e o mesmo á hora de repartir os agasallos, que permitiu que a queima empezara puntual.

Aquí unhas pouquiñas fotos da tarde na praza, xa sabedes: se tedes máis fotos, podedes envialas á biblioteca para que as publiquemos.

As nosas comadres tamén acabaron no lume:

Lembrade que aínda quedan actividades de entroido. Serán todas a partir das 5 da tarde:

  • sábado 18: obradoiro de maquillaxe no auditorio
  • domingo 19: festa infantil de disfraces no auditorio
  • martes 21 : desfile de comparsas (obrigatorio inscribirse no concello)

E para rematar o mes: Contacontos da Igualdade o día 24 ás 5 da tarde na biblioteca.

xoves de compadres 2012

Onte reuníronse os compadres, para arder e dar algo de calor na xélida tarde despois dos xogos e carreiras pola praza.

Presentamos só algunhas fotos dos xogos e da queima:

Chegamos …

… organizámonos un pouco …

… corremos un pouco …

… e comeza a queima …

… todos a arder …

… e quentarnos un pouco …

… para tornar o frío.

Tampouco o compadre da biblioteca se salvou da queima:

Así estaba el de feliz …

… e así acabou. Debería dicir: “Corre que te QUEIMAN”