certame letras galegas 2018

Como xa sabedes, cada ano convócase o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas para festexar o Día das Letras Galegas.

Xa temos as bases da convocatoria!

Os traballos deberán ser entregados na biblioteca de Escairón.

Animámosvos a participar tanto con historias coma con debuxos.

Bases para o certame Letras Galegas 2018

– Convocatoria Local –

A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DO SAVIÑAO convoca o

CERTAME DE NARRACIÓN E DEBUXO INFANTIL LETRAS GALEGAS 2018 (Fase Local), de acordo coas seguintes bases:

1.- Poden participar todas as nenas e nenos con:

– A) Narracións, en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, sobre o tema que se propón a continuación:

  • “COMO CAMBIOU O CONTO ou COMO DARLLE UNHA VOLTA AO CONTO TRADICIONAL”: o lobo vexetariano?, Carrapuchiña feroz?, Cincento no canto de Cincenta?, unha Bela que nunca dorme?

– B) Debuxos, feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4, sobre o tema que se propón a continuación:

  • COMO CAMBIOU O CONTO ou COMO DARLLE UNHA VOLTA AO CONTO TRADICIONAL”: o lobo vexetariano?, Carrapuchiña feroz?, Cincento no canto de Cincenta?, unha Bela que nunca dorme?

2.- Cada autor pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computador ou a man; neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.

3.- Establécense tres categorías:

  • A, ata 8 anos,
  • B, de 9 a 11 anos,
  • C, de 12 a 16 anos.

4.- O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 8 de maio, debendo ser entregados polos seus autores en calquera das BIBLIOTECAS MUNICIPAIS.

5.- O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos.

6.- Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

7.- O fallo do xurado local farase público antes do DÍA DAS LETRAS GALEGAS.

8.- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública, que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.

9.- Todas as incidencias non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado.

10.- A presentación das obras a este Certame supón a aceptación das presentes bases.

[podes descarcar aquí a ficha para os teus datos persoais]

Recordade que quen gañe na fase local participa despois na fase provincial, co cal é o dobre premios!

Deixar un comentario