Día do Libro

O 23 de abril celebraremos o Día do Libro cunha exposición de libros e coa visita da Escola Infantil do Saviñao para coñecer o seu rincón da biblioteca.

Ademais cada préstamo que se faga neste día , levará de agasallo unha pequena rosa de origami feita con elementos de reciclaxe.

felicitación do día do libro 2020

A Biblioteca Pública Municipal do Saviñao, participa no vídeo elaborado por 31 bibliotecas públicas municipais pertencentes á Rede de Bibliotecas de Galicia para conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebra hoxe, 23 de abril. Estes centros seguimos a traballar e a buscar novas formas de contactar co público lector e este vídeo conmemorativo do Día Internacional do Libro é unha destas iniciativas. Nel aparecemos as persoas encargadas das bibliotecas para amosar a proximidade do servizo bibliotecario, aínda que as bibliotecas non están abertas ao público.

Aquí vos deixamos a nosa felicitación:

A ritmo da música de Guadi Galego (‘Chea de vida’) e Migallas (‘O libro máxico’), as bibliotecarias e bibliotecarios, un a un, imos intercambiando libros en pequenas pezas realizadas desde as nosas casas, simbolizando un traballo en rede cooperativo e de axuda común.

Outra iniciativa que inciciamos co estado de alarma é a #horadoconto, que consiste en recomendar un conto, de luns a venres, a través das redes sociais e páxinas web das diferentes bibliotecas e concellos. Cada día, unha das bibliotecas é a responsable de realizar dita recomendación, en diferentes formatos, xéneros e idiomas. A proposta ten como propósito fomentar a lectura e o contacto cos libros.

A bibliotecas públicas municipais que conformamos esta iniciativa somos as dos concellos de: Antas de Ulla, Arteixo, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Baiona, Boiro, Caldas de Reis, Chantada, Chapela- Redondela, Coirós, Corcubión, Miño, Mondariz Balneario, Narón, Noia, O Pino, O Saviñao, Ordes, Oroso, Portonovo, Redondela, Rianxo, Ribadavia, Rois, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Santa Comba, Sober, Teo, Xermade e Xinzo de Limia.

Ademais compartimos este vídeo para facer un marcapáxinas:

Día do libro 2020

Xa sabedes que o 23 de abril se celebra o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor. A escolla desta data pola UNESCO, débese a que o día 23 de abril de 1616 morreron CervantesShakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega, ademais de conmemorarse os aniversarios do nacemento ou da morte de toda unha serie de escritores eminentes como Maurice DruonH. LaxnessVladimir NabokovJosep Pla ou Manuel Mejía Vallejo.

Este ano tan excepcional, non podemos facer as actividades que nos gustaría na biblioteca, pero non queremos quedar sen celebralo, e por iso, convidámos a celebralo escoitando polo menos o comezo do clásico Don Quijote de Cervantes:

D Quijote e Sancho

Visitade outras propostas para ese día no noso twitter: BSavinao. Témosvos unha sorpresa preparada.

día do libro infantil 2020

Tódolos anos nos gusta celebrar o Día do Libro Infantil, ademais de cunha mostra dos libros de Hans Christian Andersen, actividades variadas.

Debido á situación excepcional de Estado de Alarma decretado polo goberno por mor da pandemia do COVID 19, reorientamos as actividades para adaptalas ó confinamento domiciliario que nos toca vivir.

Visitas

En lugar das visitas-contacontos á biblioteca, recomendámosvos a visita virtual ó Salón (Virtual) do Libro de Pontevedra, no que poderedes atopar numerosas propostas de obradoiros, contos, e actividades.

Mostra Bibliográfica

Cambiámola polo acceso a varios contos de Hans Christian Andersen por internet:

Actividades

Propoñémosche que fagas un debuxo dun conto de Hans Christian Andersen e compártea no noso twitter @BSavinao ou envíanos unha foto ó correo da biblioteca (osavinao.rbgalicia@eidolocal.es) e nós compartirémola por ti.

Mensaxe

Presentámosvos noutro artigo o texto completo do díptico coa mensaxe conmemorativa deste ano, o texto é de Peter Svetina e o cartaz de Damijan Stepancic. A tradución galega é de Héctor Cajaravide.

folletoDLIX2020

Concurso

Promoción do concurso da OEPLI Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil, e as súas diferentes seccións, entre as que se atopa Galix Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, “Un poema na túa voz” (as Bases modificadas no blog de GALIX para incluír a modalidade de participación en familia).

Feliz Día do Libro Infantil

texto día do libro infantil 2020

FAME DE PALABRAS
A finais do mes de abril, ou a comezos de maio, no meu país reverdecen os arbustos. Ao pouco tempo, as crisálidas das bolboretas prenden neles. Locen coma boliñas de algodón, mais as eirugas devoran folla tras folla ata que os arbustos perden o seu verde por completo. Cando as bolboretas saen das súas crisálidas botan a voar; pero malia todo, os arbustos non quedan arruinados: dentro dun ano volverán agromar, e así unha e outra vez.
Esta é a imaxe dunha escritora, a imaxe dun poeta: os contos e os poemas aliméntanse deles, ríllanos, esgótanos… E cando xa están escritos, saen voando para acabaren nos libros, para aterraren nos oídos daqueles que os escoitan. E isto non deixa de repetirse nunca…
E que ocorre cos poemas e cos contos?
Coñezo un rapaz ao que operaron dos ollos. Logo da intervención tivo que estar dúas semanas deitado sobre o seu costado dereito; e despois, durante un mes máis, non puido ler. Non puido ler nada. Cando, tras un mes e medio de repouso, volveu coller un libro, tivo a sensación de estar arramplando coas palabras a eito dunha tarteira. Como se as comese, como se as comese de verdade.
E coñezo unha rapaza que agora é mestra, e que dixo: “Pobres daqueles nenos aos que os seus pais non lles lían libros!”
As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma.
Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto.
Pero a fame de palabras non se presenta deste xeito, senón que toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma reina o frío, non se decata de que está a pasar a carón de si mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen sequera notalo.
Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos.
Se nunca o fixemos, existe a esperanza de que poidamos acalmar este tipo de fame?
Si. Aquel mozo le, raro é o día en que non o fai. E a moza que é mestra le contos para o seu alumnado. Cada venres. Cada semana.
E se algunha vez lle esquece, son as nenas e os nenos quen llo lembran.
E a escritora? E o poeta? Ao ano seguinte, reverdecerán. E volverán roelos os contos e os poemas que logo, transformados en bolboretas, botarán a voar. Unha e outra vez.
Escrito por Peter Svetina
Ilustrado por Damijan Stepancic
Traducido por Héctor Cajaraville
Díptico:
folletoDLIX2020

visita infantil

Para pechar a celebración do Día do Libro, recibimos hoxe a visita das 2 clases máis maiores da Escola Infantil Municipal.

Aproveitamos a ocasión para presentarlles a nosa nova sección de fondos da Sala Infantil, especialmente pensada para eles: a Bebeteca (BBTK).

Nesta sección atópanse libos en tea, plástico e cartón duro, especialmente deseñados para as idades de 0 a 3 anos, e que así se diferencian máis facilmente do resto do fondo infantil da sala.

Logo de escoitar algúns contos, aplaudir moito e cantarlle unha canción o lobo feroz dos tres porquiños para mellorarlle o humor, puideron ver e xogar cos libros recén incorporados á Bebeteca.

Este é un dos momentos da visita:

DDL2019_guarde.jpg

Ademais convidámolos a particiar con algún debuxo no Certame Letras Galegas 2019 e a volver coas súas familias para coñecer a fondo a nosa nova sección.

 

día do libro

O 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor. A escolla desta data pola UNESCO, débese a que o día 23 de abril de 1616 morreron Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega, ademais de conmemorarse os aniversarios do nacemento ou da morte de toda unha serie de escritores eminentes como Maurice Druon, H. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo.

Un día coma calquera outro para ler, pero quizais un pouco máis especial porque é festa para os amantes dos libros. Podemos celebrando lendo O Quixote, pero tamén podemos polo menos escoitar un capítulo da obra mestra de Cervantes neste enlace:

Capítulo XXIX que trata del gracioso artificio y orden que se tuvo en sacar a nuestro enamorado de la asperísmima penitencia en que se había puesto (só tedes que pulsar no botón de reproducir).

Utiliza as teclas de frecha arriba/abaixo para aumentar ou diminuír o volume. Se vos apetece, podedes escoitar todo o libro desde o mesmo sitio.

don quijote_pq

Atención, pregunta para nota:
Como se chaman as monturas
dos 2 homes da imaxe?

Se queres averigualo, ler algo máis sobre estas personaxes e as súas aventuras, destes autores ou doutros, pásate pola biblioteca e pide información.

día do libro infantil

Coma tódolos anos, para celebrar o Día do Libro Infantil, ademais dunha mostra dos libros de Hans Christian Andersen, preparamos estas actividades para esta semana:

  • Visita-contacontos coa Escola Infantil Municipal o venres 5 de abril ás 11:00 h. na que lles mostraremos as novas incorporacións de 0 a 5 anos, que inclúen libros de baño, libros en cartón e libros para aprender xogando.
  • Mostra Bibliográfica “Hans Christian Andersen” desde o 22 de marzo na sala infantil.
  • Reparto de 100 dípticos coa mensaxe do escritor e ilustrador Kęstutis Kasparavičius (podedes atopala neste mesmo blog)
  • Promoción do concurso “Selfie LIX Día Internacional” (as Bases na páxina da OEPLI)

 

actividades polo día do libro infantil 2019

Un ano máis, xa están listos os preparativos para a celebración do Día Internacional do Libro Infantil, a xornada que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen o día 2 de abril.

A OEPLI Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil, GÁLIX e as súas outras seccións, traballan xa na celebración deste día animando a participar a centros escolares, bibliotecas e librarías na difusión da mensaxe do escritor e ilustrador Kęstutis Kasparavičius

CARTEL_DILI_gl_pq-corrixido

Para celebrar o Día do Libro Infantil, preparamos estas actividades para esta semana:

  • Difusión da mensaxe do escritor e ilustrador Kęstutis Kasparavičius co reparto de 100 dípticos, que tamén podedes ler aquí ó final.
  • Mostra Bibliográfica “Hans Christian Andersen” desde o 22 de marzo na sala infantil
  • Promoción do concurso “Selfie LIX Día Internacional” (consulta as Bases na páxina da OEPLI)
  • Visita-contacontos coa Escola Infantil Municipal o venres 5 de abril ás 11:00 h.

OS LIBROS FANNOS ACOUGAR

Vou con présa!, Non teño tempo ningún!, Aburiño!… Expresións coma estas poden escoitarse quizais acotío, non só en Lituania -no centro mesmo de Europa-, senón en moitas partes do mundo. E a miúdo escóitase dicir tamén que vivimos na idade da abundancia da información, da présa e da precipitación.

Non obstante, colles un libro entre as mans e, inmediatamente sentes que algo muda. Parece que os libros teñen unha cualidade marabillosa: axúdannos a acougar. Tan pronto como abres un libro, mergúllaste nas súas tranquilas profundidades e sabes que nel as cousas non pasarán a tanta velocidade que non che permita apreciar nada. Comezas a entender que non paga a pena lanzarse a facer tarefas de dubidosa urxencia. Nun libro todo acontece paseniñamente, en orde e segundo unha secuencia. Quizais porque as súas páxinas están numeradas, quizais porque as súas follas roxen amodo a medida que as vas pasando. Nos libros, os acontecementos do pasado atópanse cos que aínda están por chegar.

O universo dos libros é moi extenso; e nel poden mesturarse a realidade coa imaxinación e a fantasía. Ás veces non sabes moi ben onde -se nun libro ou na vida- percibiches de que xeito tan fermoso caen as pingas do tellado nevado cando se derreten, ou de que forma tan bonita cobre a carriza o valado da veciña. Foi nun libro ou na realidade onde comprobaches que as amoras non só son bonitas senón tamén amargas? Aconteceu nun libro ou na realidade cando estabas estomballada sobre a herba seca no verán, e despois sentada coas pernas cruzadas, vendo como as nubes avanzan polo ceo adiante?

Os libros axúdannos a vivir amodo, apréndennos a observar e convídannos a buscar acomodo e sentar durante un longo anaco. A miúdo lemos sentadas, co libro sobre a mesa ou entre as mans, non si?

E non comprobastes o milagre de que cando estás a ler un libro, o libro tamén te le? Si, si, os libros tamén saben ler. Lenvos a fronte, as cellas, as comisuras da boca que soben e baixan, pero primeiro e por riba de todo, os libros len os ollos. E mirándote aos ollos, eles ven… vaites, xa sabedes o que ven!

Estou seguro de que os libros nunca están aburridos se están entre as túas mans. Unha persoa que goce lendo -sexa pequena ou adulta- é moito máis interesante que unha persoa á que non lle preocupen os libros, que sempre estea bulindo a contrarreloxo, que non teña tempo para sentar, que non teña tempo para fixarse en nada do seu arredor.

No Día Internacional do Libro Infantil, este é o meu desexo para todas nós:

Que non falten libros interesantes para o lectorado e lectorado interesante para os libros!

Kęstutis Kasparavičius
Tradución: Antía Marante Arias (GÁLIX)

Podes consultar todas as actividades que se organizan por esta data neste enlace da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) http://www.oepli.org/pag/dia_inter/dia_llista.php

día do libro infantil 2019

Un ano máis, xa están listos os preparativos para a celebración do Día Internacional do Libro Infantil, a xornada que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen o día 2 de abril.

A OEPLI Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil, GÁLIX e as súas outras seccións, traballan xa na celebración deste día animando a participar a centros escolares, bibliotecas e librarías na difusión da mensaxe escrita e ilustrada por Kęstutis Kasparavičius que este ano preparou a sección IBBY Lituania, traducido ao galego por Antía Marante Arias.

CARTEL_DILI_gl_pq-corrixido

Entre as actividades coas que se celebra este día, animámosvos a participar no concurso que convocou a OEPLI Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil, e as súas diferentes seccións, entre as que se atopa Galix Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, co patrocinio do Ministerio de Cultura y Deporte:

o concurso «Selfie LIX Día Internacional»

O prazo de entrega dos traballos remata o 10 de abril de 2019

Poden participar todos os lectores e lectoras que estean a cursar Primaria ou o
primeiro ciclo de Secundaria, a través do seu centro docente ou desde a
biblioteca. Deben:

  • Escoller unha ilustración dun personaxe ou unha escena da literatura
    infantil e xuvenil.
  • Facer unha fotografía que recree o personaxe ou a escena escollida.
  • Presentar a fotografía xunto co fragmento ou a ilustración que a inspira,
    indicando o título do libro ao que pertence.

A participación no concurso organizarase a través dos centros docentes e bibliotecas que faremos unha selección previa de tres traballos por categoría e debemos entregalos antes do día 10 de abril. Por eso vos convidamos a que pasedes pola biblioteca e o entreguedes antes do 10 de abril, de xeito que poidamos facer a selección para enviar á organización. Podedes descargar as Bases do concurso e consultar o díptico na páxina Día do Libro Infantil da OEPLI.

OS LIBROS FANNOS ACOUGAR

Vou con présa!, Non teño tempo ningún!, Aburiño!… Expresións coma estas poden escoitarse quizais acotío, non só en Lituania -no centro mesmo de Europa-, senón en moitas partes do mundo. E a miúdo escóitase dicir tamén que vivimos na idade da abundancia da información, da présa e da precipitación.

Non obstante, colles un libro entre as mans e, inmediatamente sentes que algo muda. Parece que os libros teñen unha cualidade marabillosa: axúdannos a acougar. Tan pronto como abres un libro, mergúllaste nas súas tranquilas profundidades e sabes que nel as cousas non pasarán a tanta velocidade que non che permita apreciar nada. Comezas a entender que non paga a pena lanzarse a facer tarefas de dubidosa urxencia. Nun libro todo acontece paseniñamente, en orde e segundo unha secuencia. Quizais porque as súas páxinas están numeradas, quizais porque as súas follas roxen amodo a medida que as vas pasando. Nos libros, os acontecementos do pasado atópanse cos que aínda están por chegar.

O universo dos libros é moi extenso; e nel poden mesturarse a realidade coa imaxinación e a fantasía. Ás veces non sabes moi ben onde -se nun libro ou na vida- percibiches de que xeito tan fermoso caen as pingas do tellado nevado cando se derreten, ou de que forma tan bonita cobre a carriza o valado da veciña. Foi nun libro ou na realidade onde comprobaches que as amoras non só son bonitas senón tamén amargas? Aconteceu nun libro ou na realidade cando estabas estomballada sobre a herba seca no verán, e despois sentada coas pernas cruzadas, vendo como as nubes avanzan polo ceo adiante?

Os libros axúdannos a vivir amodo, apréndennos a observar e convídannos a buscar acomodo e sentar durante un longo anaco. A miúdo lemos sentadas, co libro sobre a mesa ou entre as mans, non si?

E non comprobastes o milagre de que cando estás a ler un libro, o libro tamén te le? Si, si, os libros tamén saben ler. Lenvos a fronte, as cellas, as comisuras da boca que soben e baixan, pero primeiro e por riba de todo, os libros len os ollos. E mirándote aos ollos, eles ven… vaites, xa sabedes o que ven!

Estou seguro de que os libros nunca están aburridos se están entre as túas mans. Unha persoa que goce lendo -sexa pequena ou adulta- é moito máis interesante que unha persoa á que non lle preocupen os libros, que sempre estea bulindo a contrarreloxo, que non teña tempo para sentar, que non teña tempo para fixarse en nada do seu arredor.

No Día Internacional do Libro Infantil, este é o meu desexo para todas nós:

Que non falten libros interesantes para o lectorado e lectorado interesante para os libros!

Kęstutis Kasparavičius